Redondela falará o galego durante “unha semaniña enteira”

A iniciativa, impulsada polos institutos, promove o uso da lingua de forma oral durante as 24 horas entre o 17 e o 23 de febreiro

Imaxe do concerto de clausura do reto o ano pasado.
Imaxe do concerto de clausura do reto o ano pasado.

A Alameda Rosalía de Castro de Chapela acolleu onte a presentación dos actos vencellados á celebración do Día de Rosalía. Un ano máis ponse en marcha o reto “Unha semaniña enteira”, unha iniciativa impulsada polos institutos de Redondela á cal se suman máis sectores sociais e o Concello de Redondela. Este reto promove o uso do galego oral durante as 24 horas dos sete días da semana, do 17 ao 23 de febreiro. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que desde o Concello quixeron implicar a distintos sectores e asociación. Olga Nogueira, profesora de galego no IES Mendiño e responsable da iniciativa, explicou que o reto naceu nos institutos “pola necesidade de fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas”, xa que nos centros constatan que uso da lingua do país cada ano é menor. 

A alcaldesa sinalou que nesta ocasión deuse un impulso ao galego no deporte, comezando por unha mobilización completa dos clubs deportivos de Chapela “porque é en Chapela onde se atopa a Alameda Rosalía de Castro” e pediulles que sexan “o exemplo a seguir”. Para arroupar esta campaña o Concello distribuirá 3.000 chapas feitas pola Asociación Lenda, colectivo ao que Rivas agradeceu “a súa implicación”. 

O Conservatorio Municipal Víctor Ureña organiza para o martes 18, ás 19:00 horas, un concerto con repertorio galego para celebrar esta Semaniña Enteira. E o día 28 de febreiro, no auditorio do Piñeiral do Crego, será a Escola de Música de Chapela e a coral Piñeiral do Crego quen ofrecerán tamén un concerto de repertorio galego. As bibliotecas municipais tamén se unen. En Chapela cun proxecto pensado como encontro entre os avós con nenos para falar en galego e coñecerse mutuamente. As lecturas de textos de Rosalía e os debuxos das camelias, símbolo da Casa Rosalía, completarán esta actividade. Nas escolas de infantil e primaria terán ao longo da semana un contacontos teatralizado dedicado a Rosalía de Castro. Por último, o Concello comprometeuse cos institutos a realizar unha actividade para “recompensar” o esforzo do alumnado cun concerto na Alameda Castelao, como o ano pasado.

Contenido patrocinado

stats