Redondela estrea a súa Feira do Libro con actividades

Sete librarías participan este ano coas súas casetas con propostas de cara ao público ata mañá domingo

A alcaldesa Digna Rivas, onte na Feira do Libro de Redondela.
A alcaldesa Digna Rivas, onte na Feira do Libro de Redondela.

Silvia Penas deu o pregón de aperurta da Feira do Libro de Redondela que se vai prolongar ata o domingo cun programa cargado de actividades pensadas para o público familiar como concertos, obradoiros e teatro así como a presenza de numerosos autores que se achegaran ás casetas das sete librarías participantes. “Unha feira ao redor da lectura convértese nun acontecemento comunitario de gran importancia nestes momentos nos que a produtividade e a virtualidade está ameazando a nosa supervivencia como pobo”, dixo Silvia Penas a Radio Redondela, sobre a relevancia das Feiras do libro que permiten recuperar “a palabra e a atención que é o máis valioso que unha comunidade pode ofrecer”.

No acto de inauguración participaron Dositeo Pérez da Libraría La Imprenta, o deputado provincial Jorge Cubela e a alcaldesa Digna Rivas quen eloxiou a escolla de Penas como pregoeira, unha muller “brava” que é todo un referente non só na literatura, senón tamén “polo seu posicionamento feminista e unha visión crítica da sociedade”. A edición deste ano da Feira do Libro de Redondela conta coa participación de sete librarías: La Imprenta, Moliere, Mandamamá, Galgo Azul, Libraría Pedreira, A Gata Tola e Uróboros, que ofrecerán aos visitantes unha variada selección de títulos cun desconto do 10% e reunirá un total de 20 autores. Entre eles, Alba López Paredes, autora da triloxía Nándidor. Desde Puertollano, Alba conquistou a milleiros de lectores coas súas historias de fantasía e ciencia ficción, e agora vén a Feira de Redondela a compartir a maxia de Nándidor e a súa recente adaptación ao manga así como os títulos “La leyenda de Noa” e “Glesea”.

As actividades prolongaranse durante a fin de semana e hoxe co espectáculo Conto Contigo de Paco Nogueiras ás 18:00 horas e o contacontos Xela, “Aventura na fraga”, con Inma Soto unha hora despois. O domingo, teatro con Pedra de Cartón e a representación do clásico Carapuchiña Vermella ás seis da tarde a a continuación o obradoiro Folla de Papel.

Contenido patrocinado

stats