Pazos de Borbén, berce de pandereteiras e seráns

Con motivo das Letras Galegas, o Concello celebrará o 24 de maio unha xornada sobre o arraigamento das cantareiras na localidade

Erundina Míguez, veciña de Amoedo, unha das pandeireteiras que serán homenaxeadas o día 24 de maio.
Erundina Míguez, veciña de Amoedo, unha das pandeireteiras que serán homenaxeadas o día 24 de maio.

Pazos de Borbén presume da súa tradición cultural e dedicará un día ás pandeireteiras e cantareiras que iniciaron a tradición dos seráns na localidade. A idea, que xurdiu a partir do Día das Letras Galegas, ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer esta tradición tan enraizada en Pazos de Borbén e que, para moitas persoas, aínda é descoñecida.

As pandeireteiras e cantareiras estiveron en Pazos de Borbén desde sempre. Agora o Concello renderá unha homenaxe ás súas artistas máis veteranas o 24 de maio, nunha xornada na que haberá unha exposición de fotos históricas e actuais, a inauguración dunha escultura, a proxección dun vídeo homenaxe e unha mesa redonda moderada polo artista Marcelo Dobode. “Era algo evidente. Aquí foi onde houbo un pequeno rexurdir dos seráns grazas ao importantísimo labor de Domingo Amoedo, que tiña un agarimo e un amor polas nosas tradicións e que motivou á xente maior que tiña as súas pandeiretas esquecidas na casa a retomalas e iniciar o rexurdir dos seráns. Por este motivo, Pazos de Borbén tiña moito que dicir sobre o tema das cantareiras e tiñamos que ofrecer algo”, explica Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén.

Ademais, ao longo do día haberá varias actuacións musicais, como as da banda local Agouga, Sadeo Pandereteiras, Tuduten ou As Lagharteiras, as artistas que participaron na gravación do himno do Celta. “As Lagharteiras tomaron o seu nome prestado dunha pandeireteira da Ermida, María Castro Soto, ‘A Lagharteira’. Elas comezaron a asistir aos seráns e quedaron impresionadas con María ‘A Lagharteira’. Ela acabou ensinándolles moitas cousas e, á hora de formar o grupo, pedironlle permiso para chamarse Lagharteiras”, explica Victoria Couñago, concelleira de Cultura.

Porén, elas non foron as únicas interesadas en aprender e recompilar esa tradición oral que hai en Pazos de Borbén. Artistas como Xisco Feijoó, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Luís Prego, Rodrigo Cuevas ou Davide Salvado foron algúns dos que pasaron polo municipio para empaparse desa tradición.

Erundina Míguez, veciña de Amoedo, é unha desas pandeireteiras e cantareiras que compartiron o seu saber popular e que tamén será homenaxeada a vindeira semana. Erundina, que conta agora con 88 anos, comezou a interesarse por esta arte aos 14 anos, cando empezou a tocar a pandeireta. “Naquel momento, ir aos seráns, tocar e cantar era a diversión que tiñamos porque non había discotecas como agora”, bromea Erundina, que tamén formou parte do grupo O Lecer. Ao preguntarlle polo relevo xeracional, Erundina asegura que “hai algún neno que quere aprender, pero van máis polas actividades do colexio. O meu neto, por exemplo, non colleu a pandeireta nunca”. No entanto, afirma que se alguén quere aprender, ela está disposta a ensinar.

Contenido patrocinado

stats