Noite meiga no castelo de Soutomaior coa literatura

Con María Vinyals como anfitrioa, a fortaleza viviu unha madrugada inédita de reencontros case imposibles entre autoras galegas de tres séculos

Publicado: 08 nov 2021 - 22:44 Actualizado: 09 nov 2021 - 09:10
As escritoras galegas de momentos distintos da Historia, representadas por outras voces, no salón do castelo de Soutomaior.
As escritoras galegas de momentos distintos da Historia, representadas por outras voces, no salón do castelo de Soutomaior.

Coa sinatura dun manifesto “histórico”, as escritoras máis notables dos últimos tres séculos puxeron o broche final a unha noite e madrugada inéditas, nun ambiente “cheo de maxia e de bos espíritos” e nunha “contorna única” como o Salón Nobre do Castelo de Soutomaior. Un reencontro insólito, “case” imposible, no que a presidenta da Deputación Carmela Silva, participou “encantada e moi emocionada” acompañando ás creadoras ás que María Vinyals “convocou” como anfitrioa da fortaleza, como adoitaba facer en vida na súa época. A reunión, que quixo celebrar o Día Mundial das Escritoras, foi dirixida pola propia Vinyals -representada pola escritora Mariana Carballal-, contou coa “presenza” de autoras xa desaparecidas dos séculos XIX e XX -representadas por ilustracións de María Lapido, e as voces de recoñecidas actrices galegas con textos de Isabel Blanco- e tamén concitou ás plumas máis recoñecidas da actualidade literaria galega. Silva definiu este inimaxinable “Encontro de Escritoras” como “único e marabilloso, que forma parte da tradición histórica das mulleres que ao longo da historia se reunían ben de xeito público e notorio, como as que organizaban as sufraxistas, ben en segredo, para reclamar os nosos dereitos”.

De Emilio Pardo Bazán a Xela, pasando por María Vinyals

No especialísimo cumio foron recibidas no Castelo pola “Marquesa roxa”, representada por Mariana Carballal, quen amosou a súa “felicidade” por “encher este salón tras tanto tempo”. Trala intervención de María Vinyals chegou a quenda das autoras do século XIX e XX que volveron do pasado e, así, foi posible escoitar de novo a voz de mulleres como Emilia Pardo Bazán a través de Isabel Blanco e de Ángeles Barreiro que leu un fragmento de “La Tribuna”; Rosalía de Castro a través de Tero Rodríguez e de Carmen Álvarez; Juana de Vega a través de Isabel Blanco e Rita Míguez; Filomena Dato a través de Antela Cid e Teresa Vidal, que leu un fragmento do poemario “Follatos”; Concepción Arenal a través de Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que leu un fragmento de “La educación de la mujer”; Concha Castroviejo a través de María Costa e Carla Rodríguez, que leu un fragmento de “Víspera del odio”; Pura Vázquez a través de Casilda Alfaro; Xela Arias a través de Silvia Penas e de Aldara Cabaleiro; e Sofía Casanova coa voz de Débora Vukusic e de Valeria Narciso.

Contenido patrocinado

stats