As motos reuniranse nunha nova xuntaza da Vila dos Viadutos

O Campo da Feira acolle o vindeiro 31 de agosto a reunión de motocicletas organizada polo Motoclub Redondela

Digna Rivas e Iván Valles durante a presentación da xuntanza.
Digna Rivas e Iván Valles durante a presentación da xuntanza.

O Campo da Feira de Redondela acollerá o vindeiro 31 de agosto a décima edición da Xuntanza Moteira Vila dos Viadutos, organizada polo Motoclub Redondela e que conta coa colaboración do Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, presentaron onte pola mañá o evento para os amantes das motos acompañados de membros do club redondelán.

As actividades darán comezo ás 12:00 horas coa apertura do recinto situado no Campo da Feira e animación musical. Ás 16:00 horas, saúdo da mascota Xaquín e ás 17:30 horas dará inicio unha ruta pola comarca. Os moteiros sairán de Redondela en dirección Reboreda, pasarán por Pazos de Borbén, Mondariz, Xunqueiras e Moscoso, para regresar a Redondela. As 18:30 horas será a hora prevista do regreso da ruta e comezará a degustación de petiscos de balde para todos os asistentes. Ás 20:00 horas os presentes poderán gozar cunha exhibición acrobática a cargo de “NH-Pina e Jaque Stunt”. Ás 22:00 horas ofrecerán unha gran mexilloada de balde para todos os asistentes e ás 22:30 comezará a sesión musical con DJ Rubin. Xa ás 01:00 horas haberá un segundo pase de exhibicións acrobáticas, a cargo tamén de “NH-Pina e Jaque Stunt” coa que se dará paso ao final da xornada, que contará cunha sesión DJ.

Os organizadores do Motoclub Redondela farán sorteos de agasallos ao longo da tarde, e durante todo o día haberá servizo de bebidas e bocadillos quentes no recinto. O presidente do colectivo, Carlos Figueroa, anima aos amantes de dúas rodas a participar “nunha das mellores xuntanzas moteiras da comunidade”.

Contenido patrocinado

stats