Homenaxe en Redondela ao legado das maiores
O Auditorio da Xunqueira acolleu o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
O Concello de Redondela celebrou onte ao mediodía no Auditorio da Xunqueira o acto institucional do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A xornada, presentada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e pechada pola rexedora local, Digna Rivas, converteuse nun encontro interxeracional para honrar a memoria das mulleres maiores do municipio e reclamar un compromiso firme contra todas as formas de violencia machista. Na apertura do acto, a concelleira Iria Vilaboa destacou a importancia de unir xeracións “para visibilizar as violencias invisibles e o traballo silencioso das mulleres que sostiveron a vila”.
A programación arrancou coa lectura do manifesto institucional, elaborado de xeito conxunto pola Asociación Lenda de Saúde Mental, a Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional e as profesionais do Servizo de Atención Temperá, poñendo o foco na diversidade e a non exclusión.
A continuación presentouse a iniciativa interxeracional “A nosa memoria”, na que participaron o alumnado e profesorado de Primaria dos colexios Santa Mariña, Igrexa, Reboreda e Quintela, xunto ás persoas usuarias dos centros de día Coidamos de ti e Os Cortizos, de Redondela e Chapela. O proxecto serviu para rescatar as vivencias das avoas e bisavoas, a discriminación que sufriron desde nenas e o seu traballo de coidados das familias, no campo e no mar. “Os homes tiñan oportunidades, as mulleres soños”, “Os nenos tiñan tempo libre, as nenas traballo”, foron algúns dos lemas que se leron no acto.
O programa cultural completouse coa intervención poética do grupo redondelán “As Silenciadas” e a representación da peza “Arroz con leite eu quero casar…”, da artista Neves Seara. A performance, coa linguaxe simbólica do corpo e a acción artística, demostrou que o que parece unha simple cantiga dun xogo infantil agocha estruturas de control machistas. Seara puxo de manifesto como a sociedade normaliza para as nenas roles domésticos e de submisión que están na raíz da desigualdade e da violencia machista.
Na súa intervención no auditorio, a alcaldesa redondelá Digna Rivas agradeceu o labor de todos os grupos participantes, poñendo o foco na importancia do intercambio xeracional. Rivas pediulle á rapazada “que lembren sempre as desigualdades e a discriminación que sufriron as súas avoas e bisavoas para que non se repita”
Lembrou as cifras da violencia machista: 47 mulleres asasinadas no que vai de ano e 1.388 desde que existen rexistros, lembrando que son “vidas truncadas, mulleres con nomes e apelidos, con familias, con amizades e con soños roubados”.
En referencia á campaña municipal deste ano (“A violencia machista non é un xogo”), Rivas advertiu de que a violencia contra as mulleres “non é un entretemento nin un asunto menor; é unha vulneración grave dos dereitos humanos que require dunha resposta firme de toda a sociedade”. Ademais, fixo especial fincapé na necesidade de actuar no eido educativo ante as novas formas de control: “Preocúpanos fondamente como o machismo se adapta aos novos tempos, como se normaliza entre a nosa mocidade a través das pantallas, das redes sociais e dos videoxogos. Por iso, seguimos convencidas de que a educación é a arma máis poderosa que temos para rachar coa desigualdade desde a raíz”.
O acto concluíu coa tradicional ofrenda floral na árbore Ginkgo Biloba da rúa Salgueiral, símbolo de resistencia e esperanza, en homenaxe a todas as vítimas, con presenza de novo da alcaldesa redondelá e outras mulleres. Hoxe, por outra banda, entregarase o VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo, ás 12.00 horas na Oficina de Turismo de Redondela, rúa Isidoro Queimaliños.
Contenido patrocinado
También te puede interesar