Os escolares de Redondela amosarán o seu traballo na Alameda
Preto de 700 alumnos de Educación Infantil e Primaria dunha ducia de colexios vivirán unhas xornadas de convivencia
Preto de 700 rapaces dos diferentes centros de Educación Primaria e Infantil de Redondela participarán esta semana nunha nova edición do programa “Espallar Tinta”. Estará o alumnado dos colexios Igrexa-Chapela, Santa Mariña, Outeiro das Penas, Cedeira, Ventosela, San Pedro de Cesantes, Alexande Bóveda, EEI Marisma, Reboreda, Quintela e Colexio Vigo. Como novidade, nesta nova edición participa tamén como centro convidado o CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes. A Alameda de Castelao acollerá o xoves e venres, días 26 e 27 esta actividade para promover a dinamización da escritura e a literatura en galego na infancia.
O programa “Espallar Tinta” recolle ao longo de dous días os proxectos de escolares e profesorado nunha feira na que o propio alumnado dá a coñecer as súas producións escritas. Xornais, contos ou poemas son algúns dos traballos dos que poderemos gozar. Nestas dúas xornadas darase visibilidade á infancia e a todo aquilo que escriben e queren compartir.
Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “é moi importante facilitar espazos ao aire libre e abertos ao público onde os nenos e nenas poidan expresarse con seguridade e ensinar o seu traballo”. Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, salientou tamén a importancia de actividades como esta para favorecer “a convivencia entre o alumnado e profesorado dos diferentes centros, e poder compartir proxectos e experiencias”. E para facer deste “Espallar Tinta” unha festa completa, os dous días haberá espectáculo co “Show de Fifo”, con música, bailes e moito humor.
O Concello de Redondela financia esta actividade, así como o traslado do alumnado ata a Alameda Castelao, e colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira na organización. A alcaldesa agradeceu á profesora Jessica Rodriguez Piñeiro o seu traballo “na organización dun evento desta magnitude”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar