As embarcacións da Liga Galega de Traiñeiras estarán en Chapela

Redondela

Os participantes terán un percorrido de tres millas náuticas, algo máis de 5.550 metros, con catro longos. Entre as tres bandeiras repartiranse hasta 19.000 euros en premios

Publicado: 12 jul 2024 - 04:30 Actualizado: 12 jul 2024 - 08:34

Digna Rivas, Iván Valles con Antonio Viaño durante a presentación do encontro deportivo.
Digna Rivas, Iván Valles con Antonio Viaño durante a presentación do encontro deportivo.

O paseo de Cardona, en Chapela, recibe mañá a todas as embarcacións da Liga Galega de Traiñeiras: a LGT-A, a LGT-B e a LGT Feminina. En total, 25 traiñeiras e uns 450 remeiros daranse cita en augas de Arealonga. Onte celebrouse a presentación da novena edición da Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F e a quinta edición da Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A, organizadas polo Club de Remo Chapela coa colaboración do Concello, ás que hai que engadir a Bandeira Chapela Wofco da Liga B.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que “é un privilexio contar con todos os clubs de Galicia no paseo de Cardona”. Chapela converterase mañá na capital do remo galego, despois de que a fin de semana pasada fose o club de Cesantes o encargado de organizar as probas da LGT-A e a LGT-F en augas da enseada de San Simón. O concelleiro de Deportes, Iván Valles, salientou tamén que Redondela é “o único municipio de Galicia que compite en todas as categorías da liga Galega de Traiñeiras, e o que conta con máis embarcacións, cun total de 5 traiñeiras”. O presidente do CR Chapela, Antonio Viaño, explicou que esta tripla cita será un feito “excepcional”. O club de Chapela participará nas tres ligas logo de inscribirse na LGT-B cun segundo barco.

A competición comezará ás 16:30 horas coa regata da LGT-B na que participarán CR Puebla, CR Cedeira, CM Bueu-Simei, CRN Riveira, CR Salgado-Perillo e os anfitrións do CR Chapela-Wofco. Ás 17:00 comezará a Bandeira Feminina Concello de Redondela da LGT-F coas anfitrioas do CR Chapela-Wofco que lideran a liga seguidas da outra embarcación local, do CCD Cesantes-Amegrove-Cefycal, máis os barcos de CR Rianxo, CR Cabo da Cruz, Mugardos, A Cabana Ferrol, CM Castropol e CR Salgado-Perillo. A última das probas será ás 17:30 coa Bandeira Chapela Concello de Redondela da LGT-A na que participan CR Ares, SD Tirán-Pereira, CM Castropol, CR Rianxo, SD Samertolameu-Oversea, CR Urme, CR Mecos, CR Narón, CR Cabo da Cruz, Mugardos-A Cabana Ferrol e as traiñeiras locais do CCD Cesantes-Rodavigo e a anfitrioa CR Chapela-Wofco.

Os participantes terán un percorrido de tres millas náuticas con catro longos. Entre as tres bandeiras repartiranse 19.000 euros en premios, con 4.000 á Bandeira Chapela Wofco da Liga B, 6.000 na Bandeira Feminina Concello de Redondela da Liga F e 9.000 na Bandeira Chapela Concello de Redondela da Liga A.

Contenido patrocinado

stats