O Concello de Redondela estrea con éxito o curso de lingua de signos

O obxectivo principal é “avanzar cara a un municipio máis inclusivo, facilitando ferramentas de comunicación"

A alcaldesa, Digna Rivas, visitou ao alumnado do curso no Multiusos da Xunqueira.
A alcaldesa, Digna Rivas, visitou ao alumnado do curso no Multiusos da Xunqueira. | Atlántico

O Concello de Redondela iniciou este mes as clases do novo curso de lingua de signos, unha acción formativa que arrincou cunha valoración moi positiva e unha gran motivación por parte de todos os asistentes. A convocatoria espertou moito interese e completou todas as prazas ofertadas, polo que a concellería de Igualdade ampliou as vacantes para dar resposta a todas as solicitudes.

Cun perfil de alumnado moi diverso, de diferentes idades e sectores profesionais, o curso foi deseñado para ofrecer unha introdución práctica e accesible a esta lingua. Os participantes amosaron un gran compromiso coa aprendizaxe, destacando a calidade dos contidos e a necesidade de promover este tipo de formación en Redondela.

A alcaldesa, Digna Rivas, visitou ao alumnado do curso no Multiusos da Xunqueira, e sinalou que o éxito desta convocatoria demostra “a sensibilidade e o interese real da poboación por construír unha sociedade máis xusta”. Rivas sinala que a lingua de signos non é só unha ferramenta de comunicación, senón “unha chave fundamental para a inclusión e o respecto á diversidade". Para o Goberno local este tipo de proxectos son “prioritarios” para garantir que Redondela sexa un municipio accesible para todos.

A administración local imparte tamén un curso específico de nocións básicas en lingua de signos dirixido ao persoal municipal. Con esta iniciativa a concelleira de Igualdade busca garantir unha atención ao público accesible. O Concello reafirma así o seu compromiso coa eliminación de barreiras e avanza que, dada a boa resposta recibida, valorarase a posta en marcha de novas edicións ou niveis máis avanzados de cara ao futuro.

Contenido patrocinado

stats