O Concello licita o proxecto da avenida Mendiño en Redondela

Vai mellorar “radicalmente” a proposta inicial da Xunta que creaba “unha Redondela de primeira e outra de segunda"

A alcaldesa Digna Rivas, na avenida Mendiño.
A alcaldesa Digna Rivas, na avenida Mendiño.

O Concello de Redondela licita o proxecto de redacción da avenida Mendiño para o “acondicionamento, mellora da seguridade viaria e reordenación” desta estrada por un importe de 115.000 euros. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto do Concello vai mellorar substancialmente a proposta inicial da Xunta, “que contemplaba unha Redondela de primeira e outra de segunda, xa que as características da vía non eran as mesmas en todo o trazado, non se adaptaba ás necesidades reais da cidadanía para gozar dun espazo público digno”. Desde o Concello realizouse unha memoria técnica para modificar o proxecto e crear “un espazo público unificado ao longo de toda a avenida no que o cidadán sexa protagonista”. Pola contra, o proxecto que agora licita o Concello é completamente uniforme: na pavimentación, no mobiliario urbano e nas zonas verdes, desde o centro urbano ata o porto de Cesantes.

Esta memoria recolle as demandas do Concello, veciñanza e formacións políticas. “É así como estamos a traballar desde que chegamos ao goberno: cunha visión integral, ordenada e respectuosa coa identidade do noso municipio. A transformación da praza de Ponteareas, do Salgueiral ou a próxima intervención na praza da Petanca son exemplos desta maneira de entender Redondela: mellorar todos os barrios por igual, sen veciños de primeira nin de segunda. Seguiremos avanzando, con proxectos que unan, que modernicen e que poñan ás persoas no centro. Ese é o compromiso deste goberno e ese é o modelo de cidade que queremos para Redondela”.

Rivas lembra tamén que o convenio asinado coa Xunta este verán obriga ao Concello a encargarse da redacción do proxecto, licitación e execución das obras. Tamén obriga a que a titularidade da estrada autonómica se traspase ao Concello. No convenio a Xunta estima que as obras ascenderán a 1.594.713 euros, dos que o Concello asume o 30% e a Xunta o 70% restante, cun máximo de 1.161.444 euros. O acordo obriga ao Concello a sufragar “todos os gastos das obras que excedan o importe estimado”. A actuación, cun ancho da vía de entre 12 e 15 metros, supón unha superficie duns 21.500 m2. O proxecto vai “redeseñar” todo este espazo público: nova sección de beirarrúas, zonas de aparcadoiro, carrís de circulación de vehículos e rede semafórica.

Contenido patrocinado

stats