Cinco lustros investigación e divulgación sobre Redondela

O exrector da Universidad de Vigo, Domingo Docampo, presentou o noveno boletín do Seminario de Estudos Redondeláns

Acto de presentación do boletín onte na Casa da Cultura.
Acto de presentación do boletín onte na Casa da Cultura. | J.V. Landín

O Seminario de Estudos Redondeláns (Seren) presentou onte na Casa da Cultura de Redondela o seu boletín número 9, nun acto que serviu tamén para conmemorar o 25 aniversario da fundación desta asociación cultural sen ánimo de lucro, creada no ano 2000.

Na presentación participou o exreitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo Amoedo, que ofreceu unha disertación centrada na relevancia da investigación e da divulgación cultural no ámbito local. No acto estiveron tamén presentes varios dos doce autores e autoras que colaboran neste novo número da publicación.

O boletín recolle unha ampla variedade de estudos e investigacións que abranguen desde épocas históricas pasadas ata a actualidade, incluíndo a defensa do patrimonio, o recoñecemento das tradicións, estudos etimolóxicos, referencias á poesía medieval, análises das parroquias da antiga xurisdición redondelá, a recuperación de persoeiros, o papel das congregacións relixiosas, a importancia da muller na sociedade e a transcendencia de Redondela en distintos feitos históricos.

Desde o Seren sinalaron que “este boletín é froito de cinco lustros de traballo colectivo orientado a investigar, divulgar e defender a historia, cultura e identidade de Redondela”, destacando ademais que a publicación pretende seguir sendo “un foro aberto a todas as persoas interesadas en afondar no coñecemento do noso concello, con independencia da súa idade ou ideoloxía”.

Durante o acto evocouse a traxectoria do Seminario ao longo destes 25 anos e entregouse ás persoas asistentes unha revista conmemorativa que resume as actividades, publicacións e proxectos desenvolvidos pola entidade. O Seren subliñou tamén o seu compromiso co uso do galego como lingua de traballo, en apoio ao proceso de normalización lingüística.

Os exemplares do boletín nº 9 estarán á venda na libraría Molière e no quiosco Cocó de Redondela.

Contenido patrocinado

stats