Entre castañas e humor, David Amor reivindica o uso da lingua

O humorista protagoniza o espectáculo “Saca a lingua a pasear”, onde combina cultura, tradición e música en Vilar de Infesta

David Amor actuará esta tarde no magosto de Vilar de Infesta.
David Amor actuará esta tarde no magosto de Vilar de Infesta. | Atlántico

A parroquia de Vilar de Infesta celebra hoxe unha nova edición das festas de San Martiño e do Magosto, cun programa que combina humor, música tradicional, baile e gastronomía, e que este ano pon un acento especial na promoción e defensa da lingua galega. Contará coa actuación especial de David Amor.

A xornada arrancará ás 18 horas coa actuación do humorista que presentará o seu espectáculo “Saca a lingua a pasear”. Unha proposta que chega no marco da segunda edición da campaña “Falade galego rapazada, tamén nas redes, meu!”, unha iniciativa que busca achegar o galego e reivindicar o seu uso cotián, tamén nos espazos dixitais e nas redes sociais.

Baixo o lema “Se sabes falar galego, tes un superpoder!”, preténdese transmitir unha mensaxe clara: falar galego é motivo de orgullo, unha forma de expresar a nosa identidade e unha maneira de manter viva a nosa cultura. E que mellor maneira de facelo que a través do humor e da participación.

A programación continuará ás 19:15 horas coas actuacións das formacións culturais da parroquia: o grupo de música tradicional Follas Verdes, o grupo Aluarado e o grupo de baile Falcatruada, tres referentes da vida cultural da parroquia que manteñen viva a música, o baile e as tradicións populares.

A partir das 19:30 horas, haberá castañas e viño de balde, ademais de choripán a prezo popular, para compartir unha tarde de convivencia arredor dunha das tradicións máis arraigadas do outono galego.

A festa continuará pola noite, ás 22:30 horas, coa actuación do trío musical 3.COM, que porá o ritmo a unha xornada pensada para desfrutar en comunidade e prolongar a celebración ata ben entrada a noite

Con esta nova edición, Vilar de Infesta reivindica o valor das súas tradicións, o traballo das súas agrupacións culturais como son :Follas Verdes, Falcatruada e Aluarado, e a defensa do Galego.

Contenido patrocinado

stats