Éxito da Festa do Cabrito ao espeto de Chenlo

Preto de 100 cabritos foron preparados para unha xornada chea de sabor, música e tradición que reuniu a centos de veciños e visitantes

Veciños e visitantes de Chelo disfrutaron nunha cita tradicional do verán.
Veciños e visitantes de Chelo disfrutaron nunha cita tradicional do verán.

A parroquia de Chenlo, no concello do Porriño, viviu o domingo unha xornada de celebración e orgullo colectivo coa décimo cuarta edición da Festa do Cabrito ao Espeto, unha cita xa consolidada como referente gastronómico e social da comarca que combina sabor, música e tradición nun ambiente familiar e festivo.

Dende primeiras horas da mañá, veciños e visitantes achegáronse ao campo de fútbol de Chan da Carreira, onde a asociación organizadora iniciou o asado dos preto de cen cabritos preparados para a ocasión, seguindo a tradicional receita local: espeto de ferro, lume controlado e moita dedicación para acadar o punto exacto de cocción.

Ás once da mañá comezou a degustación de pinchos, acompañada pola música do Grupo de Gaitas do Porriño, que deu paso á comida popular a partir das 13:00 horas. As opcións ofrecidas incluíron o cabrito enteiro ao espeto por 220 euros, medio cabrito por 110 euros e pinchos con viño mencía por tan só 5 euros. Todos os menús incluían tamén patacas, empanada, viño mencía, rosca e café.

O momento máis agardado da tarde foi o tradicional sorteo dun cabrito entre todas as persoas asistentes.

O evento foi organizado pola Asociación Cabrito ao Espeto, coa colaboración do Concello do Porriño, da Xunta e da propia veciñanza.

Neste sentido, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quixo destacar o carácter único da festa e o espírito de colaboración que a fai posible ano tras ano. “Chenlo ten demostrado que cando a parroquia se xunta co corazón, é capaz de crear algo extraordinario”.

Contenido patrocinado

stats