A Xunta destina 149 millóns de euros para vivenda na provincia
Martínez Allegue anunciou que 28 millóns de euros serán para Pontevedra nos orzamentos do vindeiro ano e permitirase a construción de pisos de protección en solos dotacionais sen uso
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou que vai destinar 211 millón de euros na provincia o ano que vén, o que representa un 33% do orzamento da súa Consellería en toda Galicia. Deste total, 149 millóns de euros serán para a construción de vivenda, o investimento máis alto de toda a Comunidade tamén nesta materia, dos que 84 millóns de euros serán para vivenda protexida. Así o asegurou Martínez Allegue onte no barrio de Valdecorvos, en Pontevedra.
Para a cidade do Lérez, a Xunta destinará 28 millóns de euros para novos pisos, dos cales, 14 millóns de euros se destinan a residencias sociais. Isto permitirá seguir coa execución dos 300 fogares en marcha xa na cidade. Cabe recordar, que 74 destas vivendas xa foron adxudicadas e entregaranse no primeiro semestre de 2026.
A titular de Vivenda adiantou que a Xunta avanzará coa tramitación para desenvolver os solos residenciais previstos tanto en Pontevedra como en Marín, coa finalidade de que poidan estar aprobados a finais do ano 2026 e poder así adquirir o solo para, posteriormente, licitar as obras de urbanización no ano 2027.
Allegue puxo en valor estas actuacións de solo residencial, posto que permitirán dar cobertura a curto prazo á construción de 2.400 novas residencias na área urbana de Pontevedra, das que o 80% serán vivendas protexidas.
Martínez Allegue tamén avanzou que, a partir do ano que ven, permitirase construír vivenda social en solos dotacionais ou con usos terciarios, que actualmente están sen utilidade, sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico. No caso de Pontevedra, barállase a opción dos terreos do antigo sanatorio de Marescot ou onde estaba previsto inicialmente situar un crematorio.
As entidades privadas poderán promover vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos. Para isto, bastará un acordo plenario do Concello con maioría absoluta. En ambos casos, a titular de Vivenda explica que queda garantida a cualificación permanente coma vivenda social. Desta forma, o ente autonómico quere gañar espazos para pisos e rexenerar áreas urbanas en desuso.
Impulso á Variante de Alba e estradas autonómicas
Allegue explicou que se investirán 60 millóns de euros para a área de Infraestruturas na provincia de Pontevedra para acometer actuacións moi demandadas como a presentada recentemente para solucionar os problemas de tráfico na zona da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove, e con proxección para os vindeiros anos.
Outro dos proxectos que gañará impulso será a Variante de Alba, tamén prevista nos orzamentos da Xunta do 2026, que permitirá a tramitación do proxecto de trazado, a avaliación ambiental, así como a licitación da redacción do plan construtivo.
Así mesmo, a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comprometeuse a seguir desenvolvendo o Plan de Sendas de Galicia que permitirá que se remate o tramo Mollavao-Os Praceres o ano que vén, e outros novos itinerarios na contorna da cidade coma o de P0-303 en Samieira (Poio), entre outros.
Contenido patrocinado
También te puede interesar