“Virxe Peregrina, que a provincia sexa terra de oportunidades”

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, realizou a ofrenda á Virxe pedíndolle pola prosperidade da nosa terra

As autoridades civís, militares e relixiosas que acudiron á misa pontificial no Santuario da Peregrina.
As autoridades civís, militares e relixiosas que acudiron á misa pontificial no Santuario da Peregrina. | D.P.

A Virxe Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra e do Camiño Portugués, viviu onte o seu Día Grande, que comezou coa ofrenda institucional no Santuario do século XVIII. Nesta ocasión, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, foi o representante provincial encargado de facer as peticións centradas nas necesidades de toda Pontevedra e máis do mundo porque “é un camiño universal”.

O arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, oficiou a cerimonia, que se mantén dende hai séculos, á que asistiron autoridades civís e militares e malia práctica totalidade do goberno provincial, encabezado polo presidente, Luis López, misturados con peregrinos.

Domínguez pediulle á Peregrina que “a provincia sexa terra de oportunidades, onde a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida sen verse obrigada a marchar, onde os maiores reciban o coidado que merecen, onde as familias atopen apoio e ninguén camiñe soa”. Domínguez puxo en valor unha provincia que “mira ao Atlántico sen esquecer o interior, na que cada concello achega a súa identidade dentro dun proxecto común, construída ao longo dos séculos polo esforzo de miles de persoas que nunca aparecerán nun libro de historia”.

O vicepresidente provincial quixo tamén pedir pola paz do mundo e dar grazas pola riqueza cultural da provincia. “Porque unha sociedade non se define só polo que produce, senón tamén polo que conserva e transmite”, afirmou fronte ao altar da única igrexa do mundo con forma de cuncha de vieira.

Domínguez apelou á súa condición de sanitario para pedir pola mellora dos servizos sociais e dos coidados e por aqueles que sofren. “Como médico aprendín unha lección que non esquezo: ante a enfermidade desaparecen as diferenzas que ás veces cremos que nos separan”, afirmou. Finalmente, o representante da provincia pediu honestidade para os servidores públicos afirmando que “servir é escoitar antes de decidir, comprender antes de xulgar, traballar sen buscar protagonismo, asumir responsabilidades con honestidade. Desde a Deputación intentamos exercela cada día, colaborando cos concellos”, malia que “sabemos que queda moito por facer”, e pediu renovar o compromiso da institución provincial.

Domínguez no momento da ofrenda á Virxe.
Domínguez no momento da ofrenda á Virxe. | D.P.

Na sacristía, a camareira máis veterana da Virxe Peregrina, Marucha Marescot, de 98 anos, seguiu o acto tras supervisar a indumentaria impecable da imaxe. O Santuario da Peregrina permancerá aberto toda a semana desde ás 8 da mañá ata a medianoite ininterrumpidamente.

A ‘Salve Regina’ puso fin á cerimonia relixiosa e deu paso a un pasarrúas coa Banda de Música de Pontevedra e bailes cos grupos Os Alegres e Beira do Río.

Contenido patrocinado

stats