O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil ofrecerá máis de 300 actividades

O evento celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra en marzo con 19 estreas, 15 exposicións e 7 espectáculos exclusivos

A mascota do Salón, Orbil, xunto ao alcalde e o edil de Cultura.
A mascota do Salón, Orbil, xunto ao alcalde e o edil de Cultura. | D.P.

O XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil voltará a celebrarse no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 6 e o 22 de marzo con máis de 300 actividades, entre as que haberá concertos de música clásica, rock, obradoiros, contacontos e máis música para tocar e crear, ademais de troco de libros, e publicacións para ler e compartir.

Nesta edición, a cultura convidada é Palestina, país para o que haberá unha gala solidaria o 4 de marzo no Teatro Principal baixo o título ‘Cultura contra a barbarie’ e contará con De Ninghures, Mago Teto, Leti da Taberna e A Vela Circo, con entradas a 8 euros.

Entre as novidades, o sábado 14 terá lugar o OrbilFest, o primeiro festival de música para nenos e familias con Cé Orquestra, RockLab, foliada con Trepia, ou A Banda dos Insectos entre outras. Por primeira vez, para dar resposta a alta afluencia doutros anos e evitar colas, haberá unha Troca de Libros o domingo 15 en toda a superficie de Recinto Feiral.

PistaCatro estreará o seu novo espectáculo o sábado 7 de marzo e entre as obras exclusivas cabe destacar o concerto ‘Pedro e o lobo’ da Orquestra Sinfónica de Pontevedra ou o espectáculo para bebés ‘O papaventos de Bisán’, de Bonnier Cooper, o día 21 con entrada solidaria. O recinto conta tamén cun espazo gastro e obradoiro de videoxogos.

O horario do Salón é de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas e as fines de semana desde as 11.00. O seu acceso é libre ata completar o aforo, incluída a biblioteca, pero algunhas das actividades son de pago e outras de balde, entre as que están o concerto de Mondra, Sés ou Uxía Lambona e a Banda Molona para os máis pequenos. O programa pódese consultar na web salondolibro.gal e as reservas na páxida de Ataquilla.

Contenido patrocinado

stats