Os recursos renovables de Pontevedra avalan o impulso ás comunidades enerxéticas liderado pola Deputación

O presidente provincial, Luis López, inaugurou o Congreso de Comunidades Enerxéticas enxalzando o traballo da Oficina de Barro que as promove: “En menos de dous anos está a demostrar que ten sido un verdadeiro acerto”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no Congreso de Comunidades Enerxéticas.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no Congreso de Comunidades Enerxéticas.

O Viveiro de Empresas do Polígono Industrial de Barro - Meis acolleu este mércores o Congreso de Comunidades Enerxéticas, organizado pola Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) +Renovables. O encontro, ao que acudiron comunidades enerxéticas, administracións e empresas, permitiu ofrecer unha ampla visión sobre o proceso de creación, implantación e evolución desta figura. Os expertos e expertas participantes nas mesas redondas deixaron claro o prometedor futuro das comunidades enerxéticas (CE) e reflexionaron sobre a importancia do asesoramento ao longo do proceso e de dar a coñecer este modelo en todas as esferas da sociedade.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, encargado de inaugurar a xornada, puxo en valor o traballo levado a cabo desde a Oficina de Transformación Comunitaria, “unha aposta que en menos de dous anos de funcionamento está a demostrar ser un verdadeiro acerto”. López lembrou que a Deputación puxo en marcha a OTC cun orzamento de 750.000 euros, dos que 500.000 euros son financiados por fondos europeos. O obxectivo é fomentar a creación de CE nos concellos de menos de 50.000 habitantes, especialmente aqueles do Reto Demográfico. Toda a labor da OTC enmárcase no programa +Renovables da Deputación de Pontevedra, no cal se levan investido uns 8,5 millóns de euros e vaise “investir 4,2M€ en 38 concellos da provincia para a instalación de plantas fotovoltaicas, un proxecto que conseguir unha axuda europea de 2,4M€", explicou o presidente da Deputación, Luis López. Así mesmo, citou outros fitos como: "Os máis de 2,7M€ para a renovación do alumeado público en 18 concellos da provincia, as instalacións fotovoltaicas por valor de case 160.000€ en cinco concellos, as instalacións xeotérmicas en dous concellos valoradas en máis de 410.000€ ou os máis de 120.000€ para instalacións de aerotermia sustentable en concellos como Catoira e As Neves", concluíu.

O mandatario provincial repasou o traballo realizado pola Oficina ata o momento. "Desde a súa posta en marcha en febreiro do ano 2024, son xa numerosos os logros acadados: Realizamos 57 reunións informativas en 57 concellos, asesoramos e acompañamos a 14 entidades interesadas na constitución dunha Comunidade Enerxética, contamos con unha Comunidade Enerxética constituída e outras 6 que están a piques de facelo e realizamos un total de 40 estudos: 36 en municipios e tres para grupos promotores, que son as Comunidades de Montes de Anceu e Nespereira e a Residencia da 3ª Idade de San Pedro de Crecente".

Nesa liña, avanzou as numerosas actividades previstas para vindeiras datas: “Temos pechadas 18 novas charlas en concellos, 2 novas charlas con grupos promotores, 23 estudos de potencial enerxético para aprobar en concellos, 14 novos asesoramentos, 14 novos casos de seguimento e acompañamento e 8 novas accións formativas en 8 comarcas”.

Pola súa parte, o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, tamén ensalzou o traballo levado a cabo pola OTC desde a súa posta en marcha, e aínda que recoñeceu unha “certa” reticencia ao cambio, amosouse optimista co interese que levantan as charlas e encontros de difusión da Oficina e en relación ao número de entidades que teñen solicitado o acompañamento da OTC para constituírse como Comunidade Enerxética. “Nós ofrecemos desde aquí, desde o polígono de Barro - Meis onde está a OTC, todo o asesoramento desde o minuto un ata o final para montar una comunidade enerxética”, recordou. Nesa liña, destacou o papel da colaboración público-privada: “As CE que van impulsadas desde as entidades públicas teñen éxito, mentres que as privadas non o teñen tanto, é un tema a ter en conta para involucrar a máis administracións”.

A Oficina acompaña ás persoas interesadas desde un primeiro momento a través de asesoramento personalizado. Os expertos e expertas identifican a mellor forma xurídica da CE, acompañan na redacción dos estatutos, localizan os primeiros proxectos de xeración eléctrica ou térmica, identifican necesidades financeiras ou verifican os parámetros das instalacións, entre outros servizos de apoio.

Case unha vintena de futuras CE

José Antonio Piñeiro, técnico responsable da OTC Depo, detallou o traballo da Oficina, que dá cobertura aos 59 concellos de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes. Desde a súa posta en marcha, a OTC realizou máis dunha vintena de reunións con veciñanza destes municipios. “De aí saíron grupos e iniciativas que a día de hoxe están funcionando e estamos acompañando”, destacou. Ata o momento, segundo avanzou o técnico, hai 14 grupos distribuídos por toda a provincia interesados en constituírse como CE. “Deses 14, temos seis avanzados, nos que xa están escriturando as súas entidades xurídicas”, apuntou.

Pola súa parte, Sonia Ramos, enxeñeira industrial da OTC, presentou ante o público asistente os resultados do estudo realizado sobre o aproveitamento de enerxías renovables en Pontevedra. Actualmente, a provincia presenta un elevado consumo enerxético dentro de Galicia, con forte dependencia dos combustibles fósiles, polo que é preciso potenciar unha transición progresiva cara a fontes máis sostibles.

Segundo a investigación realizada, o potencial é elevado e variado, con posibilidades no eido da enerxía solar, eólica, biogás, biomasa, xeotermia e incluso, undimotriz. A enerxía solar amosa un “excelente rendemento” en toda a provincia, con municipios costeiros do sur, como A Guarda, Tomiño ou O Rosal como zonas privilexiadas para a instalación de sistemas solares fotovoltaicos. Pola súa parte, o aproveitamento da enerxía eólica presenta unha “grande variabilidade” segundo a localización. O estudo revela que moitos dos mellores lugares xa están ocupados, aínda que recomenda zonas de altitude como Valga, Catoira e Caldas de Reis para a colocación de muíños.

Deza e Tabeirós lideran o potencial en biogás, enerxía que ofrece un dos maiores potenciais térmicos da provincia. En canto a biomasa, o estudo amosa que o aproveitamento forestal se atopa en expansión, co municipio de Oia á fronte de toda Pontevedra. A xeotermia tamén é unha opción destacada na transición a enerxías limpas, xa que as características litolóxicas do subsolo pontevedrés son moi favorables. Zonas como Cuntis, A Estrada, Crecente e Silleda amosan un potencial especialmente elevado. Polo de agora, a enerxía undimotriz é a única que non é viable a curto prazo polo alto custo actual da tecnoloxía.

Á vista dos resultados do estudo, Sonia Ramos puxo en valor o potencial renovable da provincia: “Vemos que temos unha ampla diversidade de recursos, aínda que as comunidades enerxéticas comezan normalmente pola fotovoltaica, vemos que hai moitos outros recursos para aproveitar e que para descarbonizar outros usos precisamos incorporar outras tecnoloxías, non só a fotovoltaica e a eólica”. Respecto á fórmula do éxito, Ramos apuntou: “Precisamos planificación e unha implantanción da tecnoloxía adecuada a cada uso e a cada territorio”.

O asesoramento é fundamental

Os representantes de comunidades enerxéticas participantes no Congreso (Xermade, Tameiga, Moaña Solar, Begonte Xenera, Arroyo Alumbra e Galeosol) fixeron fincapé na necesidade de asesoramento e acompañamento profesional durante a creación e constitución desta figura, aínda descoñecida para gran parte da sociedade. Encarni Molina, de Arroyo Alumbra, explicou que, ante as dificultades do camiño, a colaboración público-privada é clave para que a comunidade sexa “exitosa”. Nesa mesma liña, Susana Rodríguez, de Galeosol, apuntou o papel “fundamental” dos concellos como motor tractor das CE, sobre todo, nos inicios.

Ao mesmo tempo, os relatores reivindicaron este modelo enerxético como a mellor opción para o aforro económico para os usuarios, o impulso á economía local e o fomento das enerxías renovables. “Nós vimos na comunidade enerxética a oportunidade de transformar o concello”, resaltou José Ulla, alcalde de Begonte, municipio lucense.

Colaboración e contactos

O Congreso tamén permitiu establecer contactos entre particulares, administracións e empresas do sector tecnolóxico e enerxético, tanto nas charlas e obradoiros coma nas pausas. Nese sentido, as mesas redondas permitiron dar a coñecer a aplicación da Intelixencia Artificial (IA) e a xestión de datos en facilitar o proceso de administración continua da CE. Representantes de Cluergal, ITG, Energylab e UVigo deron conta das novas ferramentas que se poden utilizar para mellorar a produción de enerxía e coñecer as pautas de consumo de cada usuario da CE.

No encontro tamén se abordaron os modelos de negocio, as políticas públicas, a regulación e as propostas de mellora das CE, onde participaron representantes da Xunta, Cosital, Mendo y Callao Legal e Orkestra.

Contenido patrocinado

stats