Un pulo para unha terra que medra
Investimento en Pontevedra
O remate do novo Montecelo e a aposta en política social, educación e vivenda centran as contas para a provincia
A Xunta investirá un total de 4.083 millóns de euros na provincia de Pontevedra. No eido sanitario, ademais da posta en marcha en 2026 do CIS Olimpia Valencia de Vigo e dunha partida de preto de 1,3 millóns de euros en obras e equipamento da área de maxilofacial do Meixoeiro, destinaranse 2,2 millóns de euros ao centro de saúde de Moaña, en fase final de construción. Dótase crédito para novos centros en Mos, Ponteareas, O Rosal e o Centro Integral de Saúde do Morrazo en Cangas.
Nas áreas sanitarias de Pontevedra e O Salnés, inclúese unha partida de 32,2 millóns de euros para finalizar o Novo Hospital Montecelo en 2026. A anualidade dos centros de saúde de Vilagarcía, Meis e Barro ascende a 14,8 millóns de euros, fronte aos 10 millóns do 2025. Destínanse tamén 600.000 euros para novos centros en Soutomaior e Caldas de Reis, 1,4 millóns para a ampliación do centro de Baltar (Sanxenxo) e 326.700 euros para un novo mamógrafo no Hospital do Salnés.
Educación
En educación, a Xunta investirá 18,7 millóns de euros na construción de novos centros en Cuntis, Campo Lameiro, Valga e Marín, así como na continuación ou ampliación de obras en Vilagarcía, Caldas, Lalín, O Grove e Cambados, ademais de melloras de eficiencia enerxética no CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar (Caldas). Máis de 9 millóns de euros destinaranse aos centros tecnolóxicos CTAG e AIMEN en Porriño.
Política social e vivenda
En política social, increméntanse un 21% os bonos de dependencia, cun total de 100 millóns de euros. Destinaranse 2,9 millóns ao programa básico para familias en risco, 2,7 millóns á atención temperá (+35%) e 22,6 millóns de euros á gratuidade das escolas infantís, beneficiando a 11.400 nenos da provincia. Ademais, 40.000 familias contarán co Bono Concilia e o Plan Corresponsables, mantendo as axudas a vítimas de violencia de xénero e entidades sociais.
En vivenda, destinaranse 84 millóns de euros á construción de vivendas públicas en Pontevedra, Vigo e Mos, 13 millóns ao desenvolvemento de solo para vivenda protexida en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Marín, e 38,1 millóns en axudas ao cohousing en Pontevedra e O Porriño.
En infraestruturas, destaca a continuación da AG-59 (A Ramallosa–A Estrada) con 10 millóns de euros e o avance nas VAP Tui–A Guarda (8 millóns), variante de Alba (250.000 euros) e PIA da Lanzada (1 millón).
Emprego
En emprego, achegaranse 390.000 euros aos polos de emprendemento (Vilanova, O Porriño e Silleda), reforzando o programa de colivings en Ponte Caldelas e investindo 500.000 euros na rede pública de formación (Escola de FP Marítimo-Pesqueira de Bueu e CIFP Coia-Vigo). A ampliación dos parques empresariais de Lalín 2000, Toedo-A Estrada e Campiño acompáñase da construción do polígono industrial de Poio-Fragamoreira e 1,7 millóns para o apartadeiro ferroviario da Plisan.
Xustiza e deporte
En xustiza, investiranse 700.000 euros na mellora enerxética dos xulgados de Caldas e O Porriño, 240.000 euros na remodelación dos de Vilagarcía e 1,4 millóns en eficiencia enerxética en edificios administrativos de Vigo, Pontevedra e na AGASP.
En deporte, o CAR de Galicia contará con 250.000 euros, o campo de regatas de Verducido con 375.000, e investiranse 500.000 euros na pista de equitación da Fundación Semana Verde en Silleda. Tamén haberá 2 millóns de euros en accesibilidade e mobilidade en Pontevedra e 4,5 millóns para emerxencias. A estratexia de mobilidade beneficiará 47.000 mozos coa tarxeta Xente Nova e 40.330 maiores coa tarifa +65.
Abastecemento e medio ambiente
En abastecemento, mellorarase a potabilizadora do Salnés (6 millóns), a ETAP de Baiona (3,2 millóns) e a ETAP da marxe dereita da ría de Arousa (10,8 millóns). En saneamento e depuración investiranse máis de 100 millóns de euros: 8 millóns en Poio, 3,3 en Marín, 5,6 en Vilanova-Cambados, 9,1 e 31,3 en Vilagarcía, 13,6 en Arcade (Soutomaior), 27,6 en Lalín, 2,3 en Salvaterra e 1,8 en Ponteareas.
Para evitar inundacións derivadas do cambio climático, destinaranse 4 millóns de euros a obras nos ríos Ulla-Sar, Valga e Catoira. En medio ambiente, completaranse accións de conservación e restauración en Monte Aloia (169.400 euros), illa de Ons, Gándaras de Budiño (0,83 millóns) e ecosistemas mariños de Baixo Miño, Ons-O Grove e Costa da Vela (605.777 euros).
Medio ambiente e sostibilidade
Sogama investirá 445.310 euros no novo párking de contedores do Porriño. Ademais, a Xunta aumenta as partidas para a xestión da auga: 38,5 millóns para mellorar o ciclo integral, 17 millóns para protexer ecosistemas acuáticos, 13,4 millóns para resiliencia hídrica fronte ao cambio climático e 9,3 millóns para educación e concienciación ambiental.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último