Pontevedra terá 2,6 millóns máis de metros cadrados de solo empresarial
Solo empresarial
A Xunta aposta por crear máis chan industrial para apoiar o desenvolvemento das empresas
Un dos principais atrancos aos que se enfrontan as empresas á hora de iniciar a súa actividade ou de seguir medrando é a falta de solo onde asentarse. Para atenuar esta carencia, a Xunta de Galicia, a través da sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), puxo en marcha un programa que permitirá desenvolver máis de 8 millóns de metros cadrados de solo empresarial na Comunidade no período 2025-2028.
Na provincia de Pontevedra encóntranse actualmente en tramitación máis de 2,6 millóns de metros cadrados de solo empresarial. En concreto, en actuacións como as do parque empresarial de Toedo (A Estrada), Fragamoreira en Poio, a ampliación do polígono do Campiño, o parque de Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do parque empresarial do Pousadoiro (Vilagarcía) e a ampliación da MI (área Multifuncional Industrial) da plataforma loxística e industrial Plisan (Salvaterra-As Neves). Ademais, tamén se está a tramitar o proxecto de urbanización do polígono industrial de Lalín 2000 e o proxecto de reurbanización da Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas.
Desenvolvemento industrial
A estratexia da Xunta para ampliar o chan industrial na provincia constitúe un paso firme no seu desenvolvemento industrial. En palabras da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, “a ampliación e tramitación de chan industrial na provincia demostra o compromiso do Goberno galego coa actividade empresarial e industrial existente que xera esa demanda de chan nas diferentes comarcas de Pontevedra”.
A provincia de Pontevedra conta xa cunha ampla e sólida base industrial de sectores diversos que aspira a seguir crecendo. “Planificar o desenvolvemento e posta á disposición de novo chan empresarial de forma rápida permitirá apoiar o futuro industrial de toda a provincia, algo fundamental desde o punto de vista do equilibrio e a cohesión territorial”, salientou Ardao.
O obxectivo da Xunta é facilitar o asentamento de novas industrias e apoiar a consolidación das xa implantadas, mobilizando todos os recursos dispoñibles para responder ás necesidades do tecido empresarial e reforzar a súa competitividade.
Esta estratexia industrial inclúe desenvolver chan empresarial nos concellos e comarcas onde existe demanda latente, garantindo que as empresas poidan instalarse rapidamente e de forma eficiente, pero sempre con respecto aos trámites administrativos e ambientais.
Mecanismos flexibles
Para a directora xeral, “esta é a lexislatura do chan industrial de Galicia”. “Nesta liña, adoptaremos novas medidas que permitirán facer máis eficientes e flexibles os mecanismos de venda ou aluguer do chan empresarial promovido por Xestur, buscando continuar a nosa aposta pola desburocratización e, por tanto, a axilización de todos os procedementos”.
Estes novos mecanismos de flexibilidade incluirán melloras tanto nos prazos como nas formas ou condicións de pago, e permitirán dispor dunha oferta de chan continua e permanentemente aberta, co obxectivo de que estes prazos de adquisición e a dispoñibilidade do chan que as empresas requiren estean compasados cos das súas decisións de implantación ou crecemento.
Máis de 6,6 millóns en axudas para mellorar a competitividade
O programa de ampliación de solo empresarial emprendido pola Xunta contempla tamén actuacións nos polígonos das outras tres provincias galegas, distribuídos do seguinte xeito:
Na provincia da Coruña, hai en tramitación preto de 2,1 millóns de metros cadrados de solo empresarial. Trátase dos polígonos industriais da Sionlla (Santiago de Compostela), Cabana de Bergantiños, Bértoa en Carballo (fase A e B), Coristanco, Santa Comba, e Morás en Arteixo (fase C e D).
No caso de Lugo, estanse tramitando preto dun millón de metros cadrados a través de actuacións como as dos parques do Corgo, Xove, As Gándaras (fase IV, V, VIIa e VIIb), Meira e Palas de Rei.
En Ourense o Goberno galego ten en tramitación un total de 2,7 millóns de metros cadrados. En concreto, traballa nos polígonos empresariais de Carballiño-Maside, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, e no de Xinzo de Limia.
O obxectivo, segundo a Xunta, “é o de fixar industria e crear emprego local”. Para iso conta, entre outros instrumentos, con dúas liñas de axudas, que suman máis de 6,6 millóns de euros. Unha delas está destinada aos concellos, está encamiñada á habilitación e mellora de infraestruturas dos parque empresariais da comunidade autónoma de Galicia, cunha dotación de 5,6 millóns de euros que permitiu 73 achegas en 16 áreas empresariais. Estas subvencións están enfocadas á mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas. A outra está destinada a asociacións de empresarios e entidades de conservación de áreas empresariais. Dotada con algo máis dun millón de euros, o seu obxectivo é a mellora da seguridade, a competitividade e a obtención de certificacións, selos ou marcas de calidade. Foron concedidas 15 achegas en 5 áreas empresariais da provincia de Pontevedra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Solo empresarial
Lalín 2000 aportará á comarca 313.497 m2 máis de solo industrial
Solo empresarial
Un 46% máis de solo para O Campiño