Pontevedra terá 18 atraccións nas Festas de Santiaguiño do Burgo

O número de aparatos examinados foi o mesmo do ano pasado, 18, aínda que unha instalación non recibiu permiso por falta de documentación

Atraccións nunhas festas.
Atraccións nunhas festas.

Técnicos especialistas veñen de completar a inspección das 18 atraccións itinerantes que solicitaron a súa instalación no recinto feiral con motivo da celebración das festas de Santiaguiño do Burgo.

O Concello de Pontevedra converteuse hai 23 anos en pioneiro na realización deste tipo de inspeccións, aínda que non foi ata a entrada en vigor do decreto autonómico 226/2022, de 22 de decembro, cando se oficializou o que se viña facendo nesta cidade.

A norma establece a obriga de presentar documentación como o proxecto técnico, o manual de funcionamento e o libro de operacións. O Concello de Pontevedra valora de xeito positivo que a Xunta de Galicia asumise a súa iniciativa e experiencia para mellorar a seguridade destas instalacións. Neste contexto, unha das atraccións solicitantes non puido finalmente instalarse por non achegar toda a documentación requirida dentro do prazo establecido, malia térselle comunicado en dúas revisións anteriores.

Unha vez pasada a revisión documental, os feirantes poden montar as súas atraccións, que son logo revisadas in situ nunha segunda revisión para comprobar que carecen de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, así como que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.

Analízanse así mesmo outros requisitos sobre a seguridade do público e do contorno, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os recorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral. Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros, focos ou carcasas embelecedoras teñan garantías de solidez, ou que todo tipo de cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade similares amosen un perfecto estado de conservación e estean homologados para a súa utilización. De feito, non se permiten cintos de seguridade desgastados ou que xeren folguras, nin tampouco peches que dependan unicamente dun circuíto eléctrico, hidráulico ou pneumático e que, ante unha perda de presión ou corte na subministración, se poidan afrouxar co peso ou o empuxe do usuario.

Todas as revisións se realizan na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais, sen entrar a valorar termos relativos ao deseño do aparato, que serían obxecto da correspondente homologación. Os controis non entran a valorar o estado das tensións internas de calquera eixe ou compoñente mecánico, así como as condicións de funcionamento dos mecanismos ocultos, que terían que ser obxecto dunha análise máis exhaustiva en instalación fixa, con maquinaria adecuada e co tempo necesario, é dicir, cunha inspección técnica regular, similar ás ITV dos vehículos, que hoxe non reviste carácter obrigatorio para estas instalacións.

O traballo de Enmacosa Consultoría Técnica complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade. Unha vez en marcha as atraccións, deberán amosar en lugares claramente visibles carteis con recomendacións de interese para os usuarios que detallen especificamente os riscos e no seu caso as limitacións de idade e altura. Para a execución deste tipo de inspeccións, a compañía conta con equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas.

Contenido patrocinado

stats