Pontevedra despide o Ano Castelao cunha placa na casa onde viviu
A presidenta do Consello da Cultura Galega celebrou a implicación da cidade cos valores do intelectual e político
O Ano Castelao rematou en Pontevedra cun emotivo acto coma un punto e seguido a todo o legado político, cultural e social que o intelectual de Rianxo deixou ao longo da súa vida.
A Boa Vila, lugar onde viviu e desenvolveu parte do seu legado, conta desde onte cunha placa que lembrará a súa pegada nesta vila, unha cidade da que Castelao sempre quixo formar parte e na que sempre levou o xentilicio de pontevedrés. A placa está no número 1 da Praza de España e recolle o seguinte texto: “Nesta casa viviron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira”. Na súa parte superior, aparece a icónica sinatura do intelectual galeguista, ao carón dunha caricatura de si mesmo.
A homenaxe contou coa participación dos alumnos pontevedreses Fiama Del Canto Sogo e Francisco Kabila, do IES Valle-Inclán; Natasha Andra Rios Ciorba e Fiz Bello Alonso, do IES Frei Martín Sarmiento; e Carla Bouzas Pérez, do IES Xunqueira II, que leron textos en alusión á emigración e á importancia da identidade.
A presidenta do Consello de Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou a implicación da cidade cos valores do intelectual galeguista e fixo fincapé en “construír unha Pontevedra e unha Galicia dignas dos desexos de Castelao, orgullosas transmisoras da tradición, respectuosas e donas do seu futuro”.
Pola súa banda, a alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, destacou que “Castelao non foi un visitante circunstancial nesta cidade. Pontevedra foi para el un espazo querido, un fogar intelectual e político, un lugar desde o que mirar o país con máis claridade”.
A interpretación do himno galego coa agrupación Os de Algures pechou o acto, que contou coa participación de todos os partidos políticos e asociacións da vila.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Tragedia ferroviaria
Los Reyes presiden en Toledo el funeral por las 69 víctimas del accidente de Urda
Huelga general 11-N
Vigo será el epicentro de la primera huelga general en 14 años