Poio 'presume' das súas bandeiras azuis en Cabeceira e Raxó

O municipio conta con seis socorristas e con catro sendeiros azuis

Izado da bandeira azul na praia da Cabeceira.
Izado da bandeira azul na praia da Cabeceira. | D.P.

As bandeiras azuis xa ondean nas praias de Siorto, en Raxó, e Cabeceira, en Lourido, un izado que coincide coa prestación de todos os servizos nestes areais, incluídos os socorristas, que xa están operativos desde este martes, 1 de xullo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou no izado deste distintivo na praia de Cabeceira, en Lourido. “Consolidar estas dúas bandeiras azuis é importante para o noso Concello, xa que son sinónimo de calidade e de excelencia. É un recoñecemento ao traballo que estamos realizando para ofrecer aos nosos veciños e visitantes os mellores servizos. Detrás de cada bandeira hai moito esforzo e planificación. O obxectivo é buscar a singularidade e calidade nos nosos areais e fomentar un modelo de turismo sostible e de calidade”, destacou Moldes.

A praia de Siorto, en Raxó, ondeará este verán a Bandeira Azul por segundo ano consecutivo, tras recuperala o ano pasado despois de sete anos sen este recoñecemento. E se recuperala xa foi un reto, mantela é aínda máis esixente, o que reafirma o compromiso do Concello coa calidade e a sustentabilidade. Un recoñecemento que tamén suma os distintivos aos catro Sendeiros Azuis de Poio, que xa están visibles nas rutas do Laño, dos Muíños de Samieira, no litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués, así como o recoñecemento ao Centro Azul para a Casa Museo de Cristóbal Colón, consolidando a oferta ambiental e turística do municipio.

O Concello de Poio intensificou nas últimas semanas a posta a punto de todos os areais, que incluíu a mellora nos accesos ás praias e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, limpeza, así como a contratación de seis socorristas que ata o 30 de setembro velarán pola seguridade dos bañistas en Siorto e Cabeceira. Uns servizos que, asegurou, desde o Concello de Poio están intentando mellorar de xeito continuado. Así, recordou que esta mesma semana reservaron fondos para remodelar os baños públicos en Cabeceira, que serán unha realidade o próximo verán.

Contenido patrocinado

stats