O Museo mostrará “A derradeira lección do mestre” este verán

A institución provincial completará a colección de arte prerrománica e románica con pezas únicas e unha mostra coa obra pictórica de José Freixanes, entre a programación deste ano

Imaxe do cadro orixinal “A derradeira lección do mestre” de Castelao.
Imaxe do cadro orixinal “A derradeira lección do mestre” de Castelao. | D.P.

O Museo de Pontevedra completará as coleccións de Arte Prerromática e Románica coa incorporación das laudas de estola e outros sepulcros altomedievais, os capiteis de mármore e granito de San Salvador de Setecoros (Valga) e o disco ornamental de Sabanle (Crecente). Este espazo da colección permanente tamén engadirá pezas emblemáticas da arte románica galega, coma o tímpano de Palmou, capiteis coma os de Santa María de Bermés, entre outros, e a escultura de San Pedro procedente de Santiago de Gres, que se suman as dúas esculturas do Pórtico da Gloria, que xa se visitan. Así o confirmou a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, durante a presentación da programación da entidade para o todo a ano.

Este 2026 comezarase tamén o proceso de actualización das salas de Arqueoloxía e revisaranse as datas de moitas pezas, mellorarase a súa explicación mediante a redistribución dos materiais expostos nas salas e incorporaranse novas pezas ata agora en almacéns, coma o “askós” pintado do Castro de Alobre, a lucerna de Caldas Reis, o anel con entalle da Lanzada e a tubería de chumbo de Porta de Arcos.

Entre as exposicións temporais previstas destaca a chegada do cadro orixinal de Castelao “A derradeira lección do mestre”, que se poderá ver en verán. O óleo que o artista pintou en Bos Aires en homenaxe a Alexandre Bóveda permanecerá catro meses de cara ao público. Este cadro poderase ver xunto co debuxo orixinal e o manuscrito de ‘Sempre en Galiza’, para explicar a súa significación para a memoria democrática, e acompañarase de conferencias e mesas redondas que se celebrarán en setembro.

Outra das opcións expositivas destacadas será unha mostra coa obra pictórica do pontevedrés José Freixanes e 6 mostras únicas.

Unha aposta pola inclusividade

O Museo de Pontevedra incluirá outras propostas expositivas que afondarán nos vínculos da creación contemporánea e a historia da arte coas mostras ‘Infiltracións’ e a Bienal de Artes Vivas en Santa Clara.

A maiores, un dos aspectos nos que a institución provincial porá máis énfase este ano é en chegar a todos os públicos, superando as barreiras que poidan ter persoas con diversidade funcional poñendo en marcha o programa de inclusión cultural “Empower Parents”, dirixido a familias con autismo, e o “Museo Singular, Mirada Plural”, que achegará as obras a persoas con diversidade funcional dunha maneira participativa. Ambas súmanse aos proxectos “Acompañarte” e “Esculpindo espazos comúns”, para persoas con problemas de saúde mental.

Contenido patrocinado

stats