Mondra e Broken Peach actúan en Pontevedra polo Tríatlon
O grupo vigués de rock e soul é un dos vinte concertos gratuítos previstos entre os días 19 e 29 de xuño, semana na que a Boa Vila espera recibir a 20.000 persoas nas rúas
Pablo Méndez Performance, o grupo vigués Broken Peach e Mondra son algunhas das actuacións de balde que terán lugar en Pontevedra entre o 19 e o 29 desde mes de xuño co gallo das Series Mundiais do Tríatlon Multisport 2025.
A compañía de movemento aéreo Pablo Méndez actuará na inauguración do día 20 na Praza de España cun espectáculo de maxia e soños marítimos a partir das 19.45, mentres que a banda Broken Peach pechará o evento coa súa actuación de clausura na Praza de España ás 23.30 horas o domingo 29. Así o confirmou o alcalde, Miguel A. Fernández Lores, onte no que desvelou a vintena de actos que terán lugar nesas datas e que tamén coincidirán co comezo da Bienal Internacional de Arte de Pontevedra.
Trátase de 25 puntos de interese entre concertos de distintos formatos, arte, e convocatorias relacionadas coa cultura LGTB como o Orgullo, a Feira Marica ou o Festival de Cinema Ambienta, no Teatro Principal. O día 27 actuará Mondra. A eles, sumarase o concerto de Green Hot Peppers, un tributo á mítica banda cun “enérxico show”.
Un dos pratos fortes consistirá na actuación do pentacampión de Tríatlon, Javier Gómez Noya, que co seu grupo Liorta pechará o ciclo. O programa tenta xerar unha mostra do panorama musical da cidade compatible co ambiente festivo do evento deportivo, así como servir de apoio a este sector da industria cultural, ampliando o abano se implicacións cos recursos de proximidade dos que dispón a cidade.
Segundo o alcalde pontevedrés, a vila espera recibir a unhas 20.000 persoas entre a organización, asistentes e os 4.000 atletas previstos nas competicións.
Despois do desfile de bandeiras do día 20, haberá unha “espectacular proxección con música” sobre a Peregrina polo artista francés Patrick Warrener ás 23.30 horas e repetirase durante toda a fin de semana na fachada da capela da patroa da provincia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar