Os Maios de Pontevedra traen fiunchos e retranca
Os cativos de Poio e a Boa Vila cantaron coplas arredor de 21 composicións florais decoradas con ovos, margaridas e camelias de cores
A Festa dos Maios de Pontevedra voltou a encher onte a Praza da Ferrería de composicións florais feitas a man dos alumnos de cinco colexios públicos: o CEP Marcos da Portela, Campolongo, Marcón, Froebel e Campañó.
Os cativos subiron ao escenario e, cumplindo coa tradición, cantaron coplas cheas de retranca ao redor dos maios acompañados dunha coroa, seguindo o ritual pontevedrés.
Todos os alumnos elaboraron as construccións coa axuda dalgúns profesores e pais e nais nun traballo que comezou coa recollida de material hai máis dun mes. A base dos maios son fiunchos, que locen orixinais colares ou deseños a base de margaridas, camelias de tódalas cores, ovos e outras flores primaverais seguindo as bases con concurso. O xurado premia a orixinalidade, as coroas e tamén as letras das coplas, que este ano destacaron pola crítica a política local e tamén internacional, tendo coma un dos temas estrela a caída do teito do Teatro Principal. “Ten ventilación de balde o Teatro Principal”, cantaron os rapaces do CEIP Campolongo, e “hai moito talento pero pouco escaiolista”, sinalaron os alumnos do CEP Marcos da Portela. Este centro escolar de Monte Porreiro foi o gañador do premio especial do xurado, malia que todos eles levaron galardón polo feito de participar nunha tradición que se vén celebrando nesta praza desde o ano 1970.
Os nenos non se esqueceron dos problemas actuais como a folga médica. “No sistema sanitario falta moito persoal, o traballo é precario, o cabreo é total”, entoaron.
Ao mesmo tempo, o municipio de Poio tamén celebrou a súa Festa dos Maios coa participación récord de 16 grupos. Todos eles cantaron na Praza do Mosteiro de San Xoán de Poio e caracterizáronse pola súa calidade técnica e as composicións relacionadas con elementos da sociedade actual, e mesmo do propio entorno coma o mar. Nesta ocasión, tamén se rendiu unha homenaxe ao precursor da recuperación da festa nos anos 70, un veciño de 77 anos, Cándido Vicente, quen recibiu un obsequio por parte do Concello de Poio. Xa pola tarde, os maios trasladáronse ata Combarro.
En Vilaboa tamén houbo maios feitos por cativos e maiores. Os máis pequenos do Centro Rural Agrupado (CRA) de Figueirido aproveitaron o seu Maio para reivindicar melloras nas instalacións da súa aula, mentres que os nenos máis maiores de Figueirido ampliaron o foco a outros ámbitos da actualidade local. Entre as súas sátiras lembraron que, durante os temporais, o alcalde César Poza propuxera pechar os centros educativos, sendo finalmente a Xunta quen decidiu manter as clases “para evitar que estiveran coa Play”.
Pola súa banda, o Maio do Club de Xubilados, gañador do concurso, fixo un percorrido pola actualidade estatal e autonómica.
Contenido patrocinado
También te puede interesar