Lores sobre os orzamentos: “O PP acerta cando rectifica”

O alcalde de Pontevedra valorou os investimentos da Xunta na cidade para o vindeiro ano, cerca de 70 millóns de euros, como positivos por atender ás demandas históricas da cidade

Fernández Lores facendo a valoración dos orzamentos da Xunta do vindeiro ano.
Fernández Lores facendo a valoración dos orzamentos da Xunta do vindeiro ano. | D.P.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores valorou onte o proxecto de orzamentos da Xunta para 2026 en relación aos investimentos que responden ás demandas plantexadas polo Concello de Pontevedra, 68 millóns de euros. Fernández Lores sentenciou que “a Xunta do PP acerta cando rectifica. Especialmente cando desautoriza ao PP local e a Rafa Domínguez”.

O rexedor da cidade do Lérez resumiu desta forma a súa valoración xeral “positiva” de apoio do ente autonómico para Pontevedra, e sinalou que “hai algúns anos xa, a primeira rectificación foi a construción do Hospital Montecelo e, polo tanto, desbotar Monte Carrasco, tal e como demandaba o propio sector, o Concello e a cidadanía. Polo tanto, cando rectificou, acertou, e valoramos positivamente que neste momento se estea facendo o gran Montecelo”.

O novo hospital leva case a metade da partida do orzamento, xunto coa vivenda, o outro eixo que o rexedor destaca positivamente, con 28 millóns de euros, despois de que “A Xunta do PP estivo 15 anos sen construír unha soa vivenda pública en Pontevedra e non foi por falta de terreos”. Fernández Lores, lembrou, así mesmo, a variante de Alba, a necesaria circunvalación de Pontevedra recollida nas previsións da Xunta, e a ampliación do Campiño, “malia que se reduce aos 160.000 metros cadrados”, afirma o rexedor pontevedrés.

Pola súa banda, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, califica os orzamentos para Pontevedra de “absolutamente raquíticos. Perdemos 30 millóns de euros con respecto a 2025, prácticamente un terzo do investimento que se contemplaba para este ano desaparece en 2026, pasando de 97 a só 67 millóns de euros”.

Os socialistas critican que o 90% dos investimentos sexan só para o novo hospital e vivenda, mentres que o que resta irán para proxectos menores, pero importantes. Entre eles, atópase a “tan demandada e agardada dragaxe do Lérez”, uns 423.000 euros dos 7,4 millóns que a Xunta estima que custará.

Sen embargo, para o voceiro do PP local, Rafa Domínguez, trátase duns orzamentos “históricos” para a cidade, que eles cifran en 348 millóns de euros, pero cabe explicar, que ese é o custo total dos proxectos finalizados, (moitos en marcha coma o hospital).

Todos os grupos coinciden no compromiso da Xunta coa vivenda en Pontevedra.

Contenido patrocinado

stats