Lalín 2000 aportará á comarca 313.497 m2 máis de solo industrial

Solo empresarial

O Goberno galego acelera a contratación das obras de urbanización

O polígono Lalín 2000 conta cun cento de empresas nas que traballan más de 1.200 traballadores.
O polígono Lalín 2000 conta cun cento de empresas nas que traballan más de 1.200 traballadores.

A comarca do Deza, unha das máis dinámicas da provincia de Pontevedra, carece xa de solo dispoñible para as empresas. Xa que logo, urxía a ampliación do actual polígono industrial de Lalín, que de aquí ao 2028 verá máis que duplicada a súa superficie.

A Xunta de Galicia iniciou xa os trámites para a contratación das obras do proxecto de urbanización da ampliación da cuarta fase do parque empresarial Lalín 2000, que suporá incrementar en 313.497 metros cadrados a superficie actual.

O Goberno galego considera estratéxico este proxecto porque contribuirá a dotar a comarca do Deza co solo empresarial necesario que favoreza o seu desenvolvemento económico, facilitando o asentamento de novas iniciativas empresariais ou a ampliación das xa existentes.

Nestes momentos, non hai solo empresarial dispoñible no parque Lalín 2000, que conta con 536.758 m², polo que a nova actuación incrementará nun 58,4% a superficie actual.

O proxecto que se levará a cabo consiste en poñer a disposición das empresas unha superficie de solo industrial de 167.410,82 m², distribuída en 42 parcelas, que poden variar entre os 1.131 m² ata os 56.690 m² como máximo. Ademais, está prevista unha zona de equipamentos que permitirá dar cabida ao local social de A Filgueira. As zonas verdes sitúanse no perímetro do ámbito do polígono co obxectivo de servir de barreira visual e protexer o entorno rural e as zonas residenciais máis próximas.

As obras de urbanización da cuarta fase do parque empresarial Lalín 2000 contan cunha inversión de 11,2 millóns de euros e finalizarán en 2027, polo que estarán dispoñibles para os empresarios en 2028. O orzamento global desta actuación ascende a 25,2 millóns de euros.

Polo de dinamización da comarca do Deza

O parque empresarial de Lalín 2000 converteuse no polo de dinamización económica da comarca do Deza, cunha forte implantación do sector rural, xa que acolle a empresas do sector primario pero tamén entidades do ámbito industrial ou terciario.

Na actualidade hai contabilizadas case 100 firmas con domicilio fiscal neste ámbito, que contan con 1.240 traballadores, o 39,2% do emprego que xeran as empresas de Lalín.

Compañías punteras

Ademais, as compañías mercantís asentadas en Lalín 2000, entre as que se atopan marcas recoñecidas como Taboada y Ramos, Tecglas, Inasus, Florentino, Megodeza ou Avícola Tratante, suman un volume de negocio de 202 millóns de euros, o 53% da facturación das empresas con domicilio fiscal neste concello.

O municipio de Lalín conta con máis de 20.000 habitantes, o 50% da poboación da comarca do Deza, e suma o 53% das empresas que xeran o 55% do emprego directo.

“A ampliación consolidar Lalín como un polo industrial e loxístico no centro de Galicia”

Lalín 2000 leva anos cun nivel de ocupación que roza o 100%. Esta situación limitou bastante a capacidade de atracción de novos proxectos empresariais e tamén de expansión dalgunhas das firmas xa asentadas. A xerente da Asociación de Empresarios Deza, Chus García Diéguez, salienta a importancia da ampliación deste polígono impulsada pola Xunta.

Que vai supoñer esta ampliación para o tecido empresarial da comarca?

Vai marcar un punto de inflexión no crecemento empresarial, porque a ampliación prevista é de 313.500 metros cadrados, é dicir, practicamente vaise duplicar a superficie dispoñible, contribuíndo a consolidar Lalín como un polo industrial e loxístico no centro de Galicia. Ademais de posibilitar a captación de investimentos foráneos, tamén abrirá a posibilidade a moitas empresas locais para medrar e profesionalizarse.

Que sectores económicos desenvolven a súa actividade no polígono Lalín 2000 e que novas incorporacións agardan unha vez sexa ampliado?

Actualmente, no Parque Empresarial Lalín 2000 concéntranse fundamentalmente pequenas e medianas empresas tanto do sector servizos como do sector industrial. Trátase dun ecosistema empresarial moi diversificado, que abrangue desde sectores como a construción, o transporte, a maquinaria ou metal ata outros que no seu día foron un referente autonómico, como o textil. De cara ao futuro, ábrese un escenario novo para todos estes sectores, pero tamén para empresas da transformación de produtos agrogandeiros, unha área na que a comarca de Deza é moi puxante.

Para cando está prevista a entrada en funcionamento do novo solo empresarial e que novas dotacións terá?

Os prazos anunciados recentemente pola conselleira de Economía e Industria durante a súa intervención na IX Xuntanza Empresarial AEDEZA fixan o remate das obras de urbanización para finais de 2027 ou comezos de 2028.

Como está sendo a colaboración entre Xunta de Galicia e empresarios neste proxecto?

O diálogo está a ser fluído e construtivo. A Xunta de Galicia escoitou as demandas do empresariado dezano e asumiu a necesidade de garantir a dispoñibilidade de solo industrial no corazón de Galicia e por iso está a acometer un investimento que no seu conxunto superará os 22 millóns de euros. Cando a Administración e o tecido empresarial traballan na mesma dirección, os proxectos avanzan máis rápido e con máis sentido.

Contenido patrocinado

stats