Galicia sumará novo solo industrial co futuro polígono de Fragamoreira
Solo empresarial
A Xunta prioriza este proxecto, no que se investirán 29,9 millóns
A comarca de Pontevedra contará cun novo polígono que fortalecerá o tecido industrial e empresarial desta parte da provincia, moi necesitada de solo para o asentamento das empresas. Trátase de Fragamoreira, un espazo prioritario para a Xunta de Galicia, que abranguerá unha superficie de 373.416 m², cun investimento de 29,9 millóns de euros e cuxas obras de construción está previsto que comecen a finais de 2027.
Este parque empresarial está localizado nun lugar estratéxico, ao carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, a Vilagarcía de Arousa e á comarca do Salnés, unha zona con alta demanda por parte dos emprendedores. Contará con todos os servizos necesarios para o asentamento das empresas, como o acceso á rede eléctrica de media e baixa tensión, urbanización das parcelas ou redes de abastecemento, entre outros.
Oportunidade para PEMES
A Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria que dirixe María Jesús Lorenzana, salientou recentemente que esta é unha infraestrutura moi importante para o municipio de Poio, porque non dispón de máis solo industrial ca este, polo que será unha boa oportunidade para o tecido empresarial local. “Moitas veces falamos da necesidade de atraer novo investimento a Galicia, pero tamén é imprescindible que os empresarios galegos, as empresas familiares que conforman a meirande parte do noso tecido produtivo, as pemes, teñan a posibilidade de crecer nas súas comarcas, e a Xunta e os concellos temos a responsabilidade de traballar para que isto sexa así”, afirmou a titular deste departamento.
A conselleira de Economía indicou que a planificación deste parque empresarial “está moi traballada”, tanto co Concello de Poio como con todos os órganos sectoriais. “Eu espero que esa aprobación definitiva permita que no ano 2026 xa traballemos na urbanización do polígono, na expropiación, e coido que na segunda metade do 2027, estaríamos licitando as obras”, precisou.
O proxecto, unha vella demanda de Poio que se remonta ao ano 2012, encóntrase actualmente no inicio da tramitación coa súa exposición a información pública, unha vez superado o trámite ambiental. Recolle unha superficie bruta dispoñible de 374.229 m², dos que 214.000 serán para uso meramente industrial, 65.000 m² destinaranse a viais e 100.000 m² para zonas verdes e canalizacións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Solo empresarial
Lalín 2000 aportará á comarca 313.497 m2 máis de solo industrial
Solo empresarial
Un 46% máis de solo para O Campiño