Foni Díaz: “Quero abrazar á familia, mais teño o recordo da xente iraní. Hai unha demonización do país”

Profesor xubilado pontevedrés evacuado de Irán

Foni Diaz a bordo do Airbus das Forzas Aéreas Españolas.
Foni Diaz a bordo do Airbus das Forzas Aéreas Españolas. | FONI DÍAZ

Foni Díaz, exprofesor pontevedrés de Ciencias Sociais que quedou atrapado en Teherán (Irán) ao comezar o bombardeo israelí, chegou onte á tarde á cidade do Lérez tras unha longa viaxe e un encerro dunha semana nun hotel escoitando as bombas. Esta conversa con Atlantico facémola mentres viaxa en outobús chegando a Galicia.

Como te atopas e como foi a viaxe?

Ben. Fun evacuado pola embaixada española ata Armenia xunto a outros 44 españois, moitos deles nacionalizados ou que viven en Teherán e entre os que estaba o exogador de balonmán e entrenador Rafa Guijosa. Chegamos a Madrid nun Airbus das Forzas Aéreas Españolas. Agora vou no autobús porque levo uns agasallos que merquei alá para a miña familia.

Chegou a estar detido pola policía en Teherán. Que foi o que pasou?

Foi o episodio máis triste. Ocorreu cando estaba gravando un vídeo no bazar para un medio de comunicación e detivéronme os policías porque non se podía gravar. Eu non o sabía. O problema cando estás nesa situación é a incertidume. É unha situación complicada para calquer detido e gritaban ‘Israel, Israel'. Estiven detido sete horas na comisaría, pero non sabían inglés. E xusto nese momento chamoume o deputado Néstor Rego, que tampouco sabe inglés, e cousas da vida, acabei sendo interrogado en galego-portugués, que era o que dominaba un dos policías. E aí foi cando Rego, a través de súa intervención, puido facilitar o meu regreso coa embaixada española. Pero tratáronme ben en todo momento e mesmo me ofreceron té.

Canto tempo levabas en Irán antes de que comezase a guerra?

Estiven dúas semanas e media percorrendo o país. Non hai ningúns turistas occidentais e gustaríame voltar porque ten grandes atractivos. Xa levo un par de anos viaxando polo mundo desde que me xubilei e faltábame Irán. Isto vexoo como unha experiencia máis que me quedará.

Que fará ao chegar a Pontevedra?

Tomarei unhas cervexas e irei á praia. Lóxicamente quero abrazar á familia porque o importante é que todo saíu ben, mais quedo co recordo de alí, do pobo iraní. Hai una demonización absoluta e un descoñecemento total do país. Non digo que non sexa unha teocracia, pero non se pode impoñer a liberdade a base de bombas. É un gran descoñecido e están inventándose cousas que non se poden rebatir. As fillas deixaron de poñer panos na cabeza e hai mulleres que van co pelo ao aire. O principal perxudicado de todo isto é o pobo de Irán e eu estou moi sensibilizado co ataque que está sufrindo e tamén co de Palestina. Dame moita pena.

Voltará a viaxar este verán?

Descansarei unhas semanas e voltarei á facelo. Levo viaxando toda a vida. Visitei unha morea de países, pero sempre hai algúns aos que che gusta voltar ou outros que quedan por descubrir.

Contenido patrocinado

stats