O Entroido de Cobres enche de cor toda Vilaboa
Un total de 64 Madamas e Galáns bailaron por todas as parroquias estreando ‘Riomaior’ e anunciando unha semana de festa secular
O secular Entroido de Cobres xa comezou. Unha comitiva formada por 65 Madamas e Galáns, acompañadas de 20 músicos e o grupo de gaitas Aires de Cobres percorreron onte todas as parroquias de Vilaboa anunciando a celebración máis singular da provincia.
A chuvia deu unha tregua aos bailaríns que, ataviados cos vistosos traxes feitos a man, estrearon unha nova peza, ‘Riomaior’, que nace para honrar o lugar que cada ano acolle a carpa do Entroido e que simbolizan a forza colectiva desta celebración.
A primeira das paradas foi Santa Marta de Bértola, seguida de Figueirido, Postemirón e Paredes co broche de ouro nas Salidas do Ulló. Este ano, a participación incrementouse con dúas nenas máis, Lía e Carla, ambas de dez e doce anos de idade, que estrearon traxes feitos polas súas nais e avoas.
Lía compartiu baile, ademais, coa súa tía, nai e pai, unha familia ao completo que recolle a testemuña que pasa de xeración en xeración. María, nai de Lía, voltou a ser Madama 28 anos despois “por unha aposta, e a verdade é que agora estou ilusionada. Levo o sombreiro que levou a miña nai”, explica. Porque non é doado lucir 7 quilos de peso na cabeza coa armonía do baile.
Tradicións
A xornada de onte foi o preludio de catro días de pasarrúas e bailes en Vilaboa. O Entroido de Cobres voltará o vindeiro sábado 14 a percorrer todas as rúas do municipio desde as 10.00 ata as 19.00 horas. Neste caso, a comitiva será aínda maior con máis dun centenar de parellas de todas as idades. Segundo César Poza, alcalde de Vilaboa, a máis multitudinaria dos últimos anos. Pola noite, ás 22.00 horas, terá lugar a Gran Festa de Apertura, que contará coas actuacións da Orquestra Kubo e do Trío Tic Tac.
O domingo, as Madamas e Galáns voltarán ás rúas durante todo o día ata culminar co ‘Son das Tabernas’. O Luns de Maghachos, contará con novos bailes ata a noite e o martes de Entroido celebrarase o Galo no Río, o Galo na Vara, a Corrida, o Predicador e a Queima en Riomaior.
O Entroido de Cobres remóntase ata o século XVIII e foi declarado Festa de Interese Turístico Galego. O Concello e a asociación está a traballar para que logre o distintivo de Nacional coa promoción da celebración e participación en festas de todo o territorio estatal, Francia e Portugal.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último