O Día da Galicia Mártir chama á concordia e á reparación
Poio acolleu de novo o acto da homenaxe a Alexandre Bóveda, coa presenza institucional de todas as administracións
“Alexandre Bóveda non é patrimonio de ningún partido, senón de tódolos galegos”. Esa foi a mensaxe do alcalde de Poio, Ángel Moldes, no acto central polo Día da Galicia Mártir que volveu acoller o municipio pontevedrés fronte ao monumento da Caeira, coincidindo co 89 aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda.
O político galeguista, precursor do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, foi fusilado neste pequeno montículo o 17 de agosto de 1936 cando tiña 33 anos e a súa filla, Amalia Bóveda, recordou onte que “este día aínda manca aos que reivindican a verdade”. A muller, que non chegou a coñecer ao seu pai, sinalou que esta memoria de Bóveda e de Castelao supón “un gran patrimonio que temos que protexer, moi valioso. Fagámolo con valentía”.
A homenaxe reuniu, ademais da filla e presidenta da Fundación Alexandre Bóveda; á deputada provincial, María Ramallo; ó alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ó secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García Gómez; e os presidentes das fundacións Alexandre Bóveda e Castelao, David Otero e Miguel Anxo Seixas, respectivamente.
Valentín García fixo alusión á importancia da “restitución histórica” e resaltou ás últimas palabras do intelectual galeguista durante a condena, nas que “pediu perdón e que perdoásemos nós tamén. A concordia. Esa é a gran lección de Bóveda. Morreu por unha Galicia máis xusta, máis forte e máis grande".
Despois da súa intervención, Amalia recordoulle ao ente autonómico que este acto institucional aínda non ten o recoñecemento da Xunta e do Parlamento galego.
Na homenaxe, a concelleira de Cultura e Educación de Poio, Natalia Sabarís, puxo en valor a importancia de honrar a memoria do político, pero tamén a de todas as persoas asasinadas ou represaliadas por defender a causa de Galicia e a liberdade. “Non hai mellor espello que Bóveda que soubo unir vontades diferentes e sacar o mellor de cada quen en prol de proxectos comúns”, engadiu.
Tras os discursos, tivo lugar a entrega da Fundación Alexandre Bóveda do Premio Galicia Mártir a Enriqueta Otero Farto, máis coñecida como Enriqueta Molas, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín. Enriqueta fixo un repaso histórico e recordou ao seu pai preso “no lazareto da Illa da San Simón”.
Finalmente, realizouse a tradicional ofrenda floral por parte de todas as entidades e institucións, incluidas Deputación, Xunta, e a asociación Alén do Mar de Arxentina, coa interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio. Nese intre, Amalia Bóveda volveu sentir unha emoción contida, o rostro da memoria de Pontevedra e Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último