A Deputación levará 138 espectáculos aos municipios pequenos

O programa +Escénicas financia iniciativas de teatro e danza galegas para os concellos de menos de 20.000 habitantes

Luis López e Jorge Cubela na presentación de +Escénicas.
Luis López e Jorge Cubela na presentación de +Escénicas. | D.P.

O presidente da Deputación, Luis López, confirmou onte a terceira edición do circuíto provincial de artes escénicas +Escénicas, unha iniciativa creada co obxectivo de dinamizar a actividade cultural nos municipios de menos de 20.000 habitantes e apoiar as compañías de teatro e danza galegas.

O novo circuíto +Escénicas xa está en marcha e conta cunha programación de 138 funcións previstas en 50 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, todos agás Tomiño, que non solicitou a súa participación.

Esta nova convocatoria chega con novidades. O orzamento increméntase en 9.000 euros con respecto ao ano anterior para situarse nos 209.000 euros. Os Concellos beneficiarios recibirán achegas dun máximo de 4.000 euros e poderán programar ata cinco eventos, sempre que, polo menos, un deles sexa de danza. A Deputación cofinancia o 90% do custo da programación nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos de menos de 10.000; e o 70% nos de menos de 20.000 veciños.

Outra das novidades está no reforzo da visibilidade e promoción das dúas disciplinas artísticas que compoñen o circuíto. Así, as actuacións teatrais englóbanse baixo a marca de +Teatro e as de danza, baixo +Danza. Tres anos despois da estrea do +Escénicas, a oferta posta a disposición dos concellos e a veciñanza consta xa de máis de 250 compañías que ofrecen ata 600 espectáculos distintos.

Nesta terceira edición xa están pechadas as 138 funcións que se desenvolverán ata marzo do ano 2027, das cales, 105 representaranse en galego.

O presidente provincial, xunto ao deputado de Cultura, Jorge Cubela, resaltaron o éxito de público que tiveron nas pasadas edicións todos os espectáculos.

Contenido patrocinado

stats