Combarro ensalzará a súa identidade na Festa do Mar

O evento celebrarase do 18 ao 31 de agosto e ofrecerá degustacións gastronómicas, embarcacións tradicicionais e música

Concello, Xunta e entidades de Poio na presentación da Festa do Mar, onte, en Combarro.
Concello, Xunta e entidades de Poio na presentación da Festa do Mar, onte, en Combarro. | D.P.

Combarro (Poio) celebrará a Festa do Mar do 28 ao 31 de agosto para poñer en valor o legado cultural mariñeiro e visibilizar o papel estratéxico do sector na comarca.

A programación estrutúrase en tres bloques na Praza da Chousa: o gastronómico, a carpa museo e as embarcacións tradicionais. As degustacións terán lugar durante todos os días nos postos da Consellería do Mar, acompañadas de actuacións musicais durante a sesión vermú.

A exposición de obxectos mariñeiros será baixo a carpa, que estará aberta todos os días desde as 12.00 horas, e incluiranse maquetas de barcos e outros aparellos cedidos por veciños, así coma fotografías antigas seleccionadas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo ou a exposición fotográfica “No centro do Mar”, coa colaboración de Cultumar, segundo informou o alcalde de Poio, Ángel Moldes.

Ademais, nesta ocasión, tamén se inclúe na festa o ciclo cinematográfico “Cine do Mar”, en colaboración coa Asociación Museo do Mar de Marín, con proxeccións diarias de curtas ás 12.30 horas.

No canto a programación de embarcacións tradicionais, está previsto un encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, na que se prevé a participación de máis de trinta barcos.

Para o público infantil tamén se inclúen propostas como o espectáculo Os Piñeiriños o xoves ou sesión de maxia con Samuel Moreno na vila poiense.

O certame de Música Mariñeira celebrarase do venres ao domingo pola tarde, coas actuacións de Son das Corbacerias, Adelaidas, Os Chispas do Lérez, Pontus Veteris, As Abeleiras, Máis Cantos e Vides Novas.

Concertos de Coti, Natalia e Miss Cafeína

A música tamén supón unha parte importante para a programación da Festa do Mar con concertos gratuítos para todos os públicos. O xoves 28, inaugurará o ciclo La Ocaband co seu musical “A historia da verbena”, ás 21.00 horas, e posteriormente será a quenda do Grupo América.

O venres actuará Miss Caffeína, banda de pop electrónico alternativo e o sábado, Natalia e Coti subirán ao escenario da Praza da Chousa (desde as 22.45 horas). Coñecida polo seu paso por Operación Triunfo e máis de 500.000 copias vendidas, Natalia traerá a Combarro clásicos como “Vas a volverme loca”, “Besa mi piel” ou “Loco por mí”. Pola súa banda, Coti inclúe a Poio coma unha das súas paradas da súa xira europea.

Contenido patrocinado

stats