Carme da Silva: “Desde o BNG podemos dicir que non temos nin un só caso de corrupción en 42 anos”

Elecciones 29-N

"Hai que transformar a A-55 nun vial de carácter urbano no seu paso por Mos", sinala Carme da Silva, cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra

Carme da Silva na ‘Praza dos Músicos’ de Pontevedra.
Carme da Silva na ‘Praza dos Músicos’ de Pontevedra. | I.L.

Carme da Silva Méndez (Pontevedra, 1966) encabeza a lista do BNG ao Congreso por Pontevedra nas eleccións xerais do próximo 29 de novembro. Licenciada en Química, Carme foi concelleira, deputada no Parlamento galego e senadora.

Que balance fai do traballo do BNG no Senado na pasada lexislatura?

O que máis destaco son dúas cousas. Unha elas é que había moitos anos que non se falaba galego. Iso é a evidencia de que levamos novamente a voz de Galiza ao Senado. O mellor foi facernos valer e que a presenza dos problemas de Galiza e as solucións que se propoñen estiveran presentes na Cámara Alta.

Que proxectos quedaron pendentes?

Moitas cousas. Primeiro, o feito de que unha Cámara, que é de representación territorial, realmente teña esa función e non o que foi nesta lexislatura, que podemos resumila de noxo e antigalega. Quedan pendentes para Galicia o tren de proximidade e que as nosas infraestruturas viarias e ferroviarias dependan de darlle solucións desde Galicia e para Galicia. Desde Madrid ven as nosas estradas como quilómetros de asfalto e nós vémolas na maneira en que se ten que articular un sistema de comunicación do noso sistema territorial, que é radicalmente distinto ao resto do Estado español. Necesitamos unhas infraestruturas viarias que sirvan para conectarnos entre nós e con Portugal. Queremos que haxa unha política feminista e de loita contra a violencia machista que teña en conta a nosa realidade, que é diferente. Hai problemas de cobertura nos sistemas de protección ás mulleres nas zonas transfronteirizas no sur da provincia de Pontevedra e Ourense que poden poñelas en risco. Queremos que a lexislación que teña que ver cos dereitos sexuais e reprodutivos estean recollidos con máis solidez e máis firmeza para que goberne quen goberne non os poida tumbar.

Cales son las prioridades do BNG para a provincia?

Que o quilómetro cero das nosas infraestruturas ferroviarias estea en Galiza e non en Madrid. Hai que impulsar unha conexión con Portugal. Logramos que se aprobe a transferencia da AP-9, que está boicoteando o PP, pero estamos a punto de conseguir unha AP-9 galega libre de peaxe. Tamén queremos a recuperación das nosas rías e que se faga unha análise profunda do que está pasando co cambio climático, que está repercutindo na produtividade do mar. Queremos que a nosa pesca teña unha voz directa que negocie as cuestións que lle afectan neste momento. E ENCE fóra da ría de Pontevedra.

O Constitucional acaba de elevar a Pleno o recurso municipal contra a prórroga de ENCE. O BNG, mantense firme na súa postura?

Houbo unha decisión do Supremo que non responde o que ten que ser a xustiza, e a postura do BNG non variou nunca. ENCE non pode estar na ría de Pontevedra. Foi o pontevedrés Mariano Rajoy o que traizoou á sociedade de Pontevedra dándolles a prórroga de 60 anos. Seguiremos traballando para que ENCE saia da ría de Pontevedra. Temos que traballar nesta lexislatura sobre o espolio enerxético e mineiro que queren facer no noso país. Nós producimos enerxía pero non hai unha tarifa eléctrica galega para que aos galegos lle saia máis barata. Se nós cortamos o machete da luz, Madrid queda a escuras.

Hai que transformar a A-55 nun vial de carácter urbano no seu paso por Mos

O BNG oponse ao túnel da A-55. Por que? Cales son as vosas alternativas?

Hai que transformar a A-55 no seu paso por Mos nun vial de carácter urbano, pero non é necesario para eso montar unha desfeita cun túnel. Iso son moitísimos cartos públicos. Hai que liberar a AP-9 de peaxe e facer unhas conexións. Así, non se produciría unha desfeita no territorio nin afectación a moitísimas vivendas. Conseguimos, co acordo de investidura que ese tramo da AP-9, de Vigo a Tui, teña unhas bonificacións dun 82% para que se poida utilizar como alternativa a A-55 pero seguimos esperando que sexa gratuíta.

Segue o concerto económico dentro das vosas propostas?

E que é moi importante ter a chave dos nosos cartos e que poidamos decidir o seu destino aos nosos recursos. O Estado está priorizando o gasto militar e necesitamos recursos para que a xente teña unha casa onde vivir. Dende finais de agosto ate o pasado martes, o Consello de Ministros aprobou un gasto militar por 24.000 millóns de euros. Iso é multiplicar por catro todos os recursos que ten Galiza para sanidade e, mentres facían iso, aprobaban para vivenda 200 millóns. Nós queremos ter a chave dos nosos cartos para que os cartos vaian para servizos públicos.

"O Consello de Ministros aprobou un gasto militar por 24.000 millóns de euros; iso é multiplicar por catro os cartos que ten Galiza para sanidade"

Xa levamos uns días de campaña. Que sensacións lle transmiten desde a rúa?

A sensación é moi boa e vemos unha onda de ilusión de que Galicia teña peso e capacidade para que se poñan solucións aos problemas que ten a sociedade galega. Tamén a folga do día 11 nos traslada que a xente quere que haxa solucións aos seus problemas.

A folga foi criticada pola dereita. Cree que isto pode beneficiar ao BNG?

Creo que o que demostrou é que a xente está cabreada por décadas de decisións políticas que fan que esteamos nunha situación na que se estivo favorecendo a especulación e que haxa a concentración da riqueza nas mans duns poucos. Creo que toda esa mobilización social responde a que a xente non está de acordo coas políticas que o bipartidismo leva facendo desde Madrid. E tamén responde ao cabreo que hai cun sistema desde o réxime do 76 intrinsecamente corrupto. O que podemos dicir desde o BNG é que en 42 anos que levamos tendo responsabilidades de goberno, non temos nin un só caso de corrupción.

Cal é a política de vivenda do BNG?

Hai que mobilizar a vivenda baleira e hai que comprar vivenda baleira para poñela a disposición do parque público de alugueiro. Hai que dedicar recursos públicos á vivenda pública, porque se teñen 35.000 millóns anuais para armas, que dediquen polo menos un 3% dos orzamentos a construír vivenda pública para alugueiro social, e despois cambiar a lexislación para protexer aos inquilinos. O PP estivo favorecendo o incremento fraudulento de pisos de uso turístico.

As enquisas dan ao BNG entre 2 e 4 escanos. Como o valora?

As enquisas son instrumentos, pero a enquisa real é o día 29N e creo que imos dar a sorpresa.

Por que hai que votar ao BNG o 29N?

Eu diríalle a todas aquelas persoas que non queren involución pero tampouco teñen medo e non se resignan, que o BNG non as vai defraudar. Votar ao BNG para que os mozos e mozas galegas non teñan que decidir entre marchar de Galicia ou vivir na miseria. Elas van ter un aliado no BNG, nas propostas que nós facemos, pero temos que ter peso e forza para que sexan unha realidade. 

Contenido patrocinado

stats