Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes, premios Mulleres no Foco
Os galardóns entregáronse este venres en Pontevedra e recoñecen o papel das cineastas galegas
As profesionais do audiovisual Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes son as gañadoras da quinta edición dos galardóns Mulleres no Foco, entregados este venres no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Un certame promovido pola Deputación e a Asociación de Mulleres CIMA, que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do cinema.
A cerimonia de entrega destes galardóns estivo amenizada coa música de Guadi Galego e Margarida Mariño, e contou coa participación do presidente provincial, Luis López, así como das tres gañadoras destes galardóns e da presidenta de CIMA, Guadalupe Balaguer, e a asistencia das dezasete nomeadas. “Aquí hai un só protagonismo, o das mulleres no cinema; un só foco, o voso; e unha soa causa, a da visibilidade feminina na pantalla. Os demais somos puro atrezzo. Espectadores afortunados dos vosos logros e conquistas”, afirmou o presidente provincial para remarcar a necesidade e o propósito deste certame cun discurso que serviu para baixar o pano dunha gala na que tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Jose López, así como outros representantes do sector cultural e institucional de Galicia.
Beatriz Legerén é pioneira no ámbito dos videoxogos e contidos interactivos en Galicia, comprometida coa igualdade e a diversidade no sector, e que compaxina o seu labor profesional coa docencia na Universidade de Vigo. Lucía Veiga destaca como actriz, monologuista e presentadora de ampla traxectoria no cinema, que suma nominacións de prestixio coma dous premios Goya, ademais de presidenta da Academia Galega do Audiovisual.
Finalmente, Silvia Fuentes destaca por ser unha produtora nova, versátil, con visión de futuro e comprometida cun xeito de facer cinema que pon o foco nos coidados, a diversidade e o traballo colaborativo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar