ADIF cederá o treito entre Pontevedra e Arcade para a Vía Verde

A tramitación comezará a efectuarse “de xeito inminente” e permitirá a execución de 10 quilómetros de senda peonil

Reunión entre Luis López e representantes de ADIF onte en Madrid.
Reunión entre Luis López e representantes de ADIF onte en Madrid. | D.P.

O presidente da Deputación, Luis López, e os responsables de Adif acordaron o inicio do procedemento para a cesión do treito ferroviario en desuso entre Pontevedra e Arcade para a súa conversión en Vía Verde.

Trátase dun avance selado nunha reunión celebrada onte en Madrid entre ambas administracións e que tivo como resultado comezar de xeito inminente a tramitación para lograr unha concesión administrativa durante dez anos do trazado, para que pase a ser xestionado pola Deputación.

No encontro, no que estivo presente o director de Patrimonio e Urbanismo do Adif, Alfredo Cabello; o xefe de Área e Apoio Técnico, Jaime Martínez; e o subdirector de Análise e Seguemento de Proxectos, Raúl Lanzarote; o ADIF puxo a disposición da Deputación iniciar os trámites para acadar unha concesión administrativa das vías en desuso por dez anos e pechar os termos da colaboración entre as institucións encamiñado a avanzar na futura Vía Verde.

A conexión entre Arcade e Pontevedra pola liña de tren en desuso a través dunha Vía Verde é un dos grandes obxectivos da Deputación a nivel provincial. Para levalo a cabo, a institución contratou á Fundación Ferrocarriles Españoles para facer un estudo de factibilidade deste trazado cunha partida de 100.000 euros reservada para a redacción do proxecto.

A apertura destes primeiros 10 quilómetros é un dos treitos nos que está a traballar a Deputación dentro dun proxecto global que busca unir as cidades de Vigo e Vilagarcía a través dunha senda peonil polas antigas vías do tren cubrindo unha distancia aproximada de 60 quilómetros. Este ambicioso plan supón tamén unha opción de turismo sostible e atractivo para a provincia semellando outras Vías Verdes de España.

Contenido patrocinado

stats