Un 46% máis de solo para O Campiño

Solo empresarial

A Xunta ampliará este parque en 160.000 m2 cun investimento de 11,6 millóns

Vista actual do polígono do Campiño, en Pontevedra, onde están asentadas importantes empresas.
Vista actual do polígono do Campiño, en Pontevedra, onde están asentadas importantes empresas. | Atlántico

O parque empresarial do Campiño, en Pontevedra, duplicará a súa superficie coa posta en marcha do proxecto de ampliación que levará a cabo a Xunta, a través da sociedade Xestur, dando así resposta á falta de solo industrial neste concello e na súa comarca.

Con este motivo, a Xunta de Galicia deu inicio á tramitación do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE) para a ampliación deste polígono, que suporá incrementar en 160.044 metros cadrados a súa superficie actual, un 46% máis, e cun investimento previsto de 11,6 millóns de euros.

Este proxecto, promovido por Xestur, está previsto no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG) e busca dotar de máis solo empresarial para atender as demandas dos emprendedores da comarca de Pontevedra, xa que o polígono actual, de 343.291 metros cadrados, non ten superficie dispoñible.

O PEOSE é o instrumento necesario para planificar e ordenar o ámbito da actuación delimitada no PSOAEG, a ferramenta coa que a Xunta de Galicia busca analizar, diagnosticar e ordenar a implantación das áreas empresariais de interese autonómico. Durante a redacción do proxecto foi necesario adaptar a planificación inicial debido a que se detectaron distintas afeccións sectoriais, como os dereitos mineiros dunha canteira lindeira, polo que a ampliación do parque empresarial ascenderá a unha superficie total de 160.045 m².

Co inicio da tramitación, o PEOSE someterase a avaliación ambiental estratéxica, que deberá emitir un informe preceptivo para a súa aprobación inicial, que se levará a cabo no primeiro trimestre de 2026. O obxectivo é acelerar os prazos, dentro do cumprimento da normativa vixente, para incrementar a dotación de solo empresarial na comarca de Pontevedra.

Proxectos para a comarca

Neste senso, a Xunta de Galicia ten en marcha diversos proxectos para ampliar o solo industrial na bisbarra de Pontevedra que suporán incrementar en 624.854 m². Ademais desta actuación, está en fase de proxecto de reurbanización a Central de Transportes e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas, cunha superficie de 86.963 m², que é lindeiro co parque do Campiño e co parque da Reigosa (Ponte Caldelas). Todos estes proxectos súmanse ao futuro parque empresarial de Fragamoreira, en Poio, o que fortalecerá o tecido empresarial de toda a comarca e facilitará o asentamento e crecemento de empresas nesta importante zona que se move ao redor da capital da provincia.

Contenido patrocinado

stats