Opinión

JOSÉ LUIS URIBARRI

Cando esto escribo, Uribarri estase a debater entre a vida e a morte nun hospital madrileño por culpa dunha hemorraxia cerebral. Permítaseme o sentido negro do humor para dicir que puidera ser que o cerebro deste recordado comunicador non dera acumulado tanta información eurovisiva ó longo das moitas edicións nas que narrou o visto e non visto do querido Festival. Porque José Luis Uribarri foi durante moitos anos, case vinte, a voz que nos introducíu en cada unha das cancións e dos Países participantes, sendo tamén o Oráculo de Delfos que todo adiviñaba na hora das votacións, sobre todo cando o maldito televoto 'democratizou' os 'points' que os veciños se daban e dan entre sí, chegando mesmo a saturar coas súas predicións ás novas fornadas de entendidos eurofáns que nas tan actuáis redes sociáis e páxinas especializadas xa superaban en sapiencia ó vello comentarista. Non fai falta ser moi adiviño para saber que os Países balcánicos, os nórdicos, ou os xurdidos da antiga URSS se votan descaradamente entre sí, co mesmo descaro co que Portugal nos da cada ano as mellores puntuacións. Xa o dícia o pobre Uribarri, algo terá que facer a UER para que o festival non feneza e deixe de ser a gran cita anual coas máis importantes innovacións tecnolóxicas, aínda que este ano ninguén dubidara que Suecia con Loreen e coa xa superventas 'Euphoria' ía levarse o gato a auga, como xa fixera de maneira clara o País escandinavo cando cambiou completamente a estética do festival coa irrupción de ABBA no escenario inglés de Brighton no ano 1974,marcando un antes e un despois; tempos nos que por estes lares aínda Peret tiña que contribuir a publicitar turísticamente España en Europa coa rumba 'Canta y sé feliz'.


Pero Uribarri foi algo máis que a voz de Eurovisión, forma parte por méritos propios da historia de TVE desde 1958, estando diante ou detrás na posta en marcha de programas como 'Salto a la fama' dos 60 ou 'Pasaporte a Dublín', un exitoso programa presentado primeiramente por Julio Iglesias e Massiel e que levaría no ano 71 á xovencísima Karina ata terras irlandesas para acadar o segundo posto co seu 'En un mundo nuevo'; o propio Uribarri presentaría a gala final do programa onde competiron figuras emerxentes da talla de Nino Bravo ou Rocío Jurado. Aínda que se hai algún programa que os xóvenes de fináis dos setenta e principios dos oitenta recordamos con especial cariño é 'Aplauso', que en formato de revista musical fixo pasar polos seus platós e escenarios, como o da disco 'Joy Eslava' de Madrid, a toda unha morea de figuras que irían consagrándose ó longo deses anos, desde Tequila e Alaska ata Mecano ou Radio Futura, pasando por Leiff Garret, Donna Summer ou AC/DC. Era o gran escaparate da música nacional e internacional, no que un cara pintada chamado Nacho Dogan daba pulo á figura dos DJs, e un espídico José Luis Fradejas coa sección 'La juventud baila' facía que os xóvenes de media España quixeran demostrar as súas habilidades danzarinas diante das cámaras; creo recordar que algunha daquelas fases previas se celebraron na Discoteca Niton's de Ourense e na viguesa 'Nova Olimpia'. E alí estivo tamén a man de José Luis Uribarri, que mesmo exerceu de presentador na primeira etapa do programa acompañado entre outras mulleres por Silvia Tortosa. Eran os tempos do realizador Hugo Stuven e do sempre impactante coreógrafo Giorgio Aresu, eran os tempos nos que José Luis Uribarri escribíu moitas páxinas da historia de TVE.


Te puede interesar