O desastre de Podemos

Publicado: 16 oct 2026 - 01:10
Opinión.
Opinión. | Atlántico

Paso a folla do meu caderno de notas onde vou deixando as impresións sobre a vida e obra de Podemos e atopo un espazo en branco onde non hai nada que ler. Volvo atrás e vexo que desde 2014 a estes días os meus criterios sobre a formación violeta foron máis críticos que positivos e acabo concluíndo que, mentres as súas formulacións ideolóxicas como punto de partida semellaban interesantes e, mesmo, necesarias, os movementos do líder, Pablo Iglesias Turrión, non eran de fiar. Demasiada demagoxia, exceso de personalismo, contradicións entre o dicir e o facer… en definitiva un individuo máis dos moitos que pululan polas bancadas da vida pública nacional. De propoñer o final do bipartidismo para ocupar a vicepresidencia dun goberno do par tradicional só mediaron os pasos do oportunismo. De presentarse como unha forza asemblearia a destituír a toda a cúpula fundadora, para maior gloria do ordeno e mando, bastaron un par de rosarios coas súas penitencias. A cidadanía desencantada non tardou en comprender que Podemos era e é Pablo Iglesias Turrión, o resto non pasa de ser pura follaxe.

Alá por 2015 houbo espazo para o soño. Os dirixentes de Podemos conseguiron xuntar diversos intereses para romper a dinámica herdada da transición democrática, do “réxime do 78” segundo a clave podemita, e conseguiron o 20,68% dos sufraxios. O líder puido presumir de ter máis de tres millóns de votos no seu peto privado. Pero todo soño ten o seu espertar e a caída foise precipitando baixo o voo das navallas e as traizóns. Poñamos que o obxectivo era chegar ao goberno do Estado pero, unha vez alcanzado o colchón compartido con Sánchez, veulles grande e saíron pola porta de atrás coa escusa do inconformismo. Xa en 2023 o precipicio estaba a un paso, a porcentaxe de votos con Sumar só alcanzou un 12,31% e os parlamentarios conseguidos por Podemos foron catro compañeiras e un señor. Ao termo chegaron ao cabo da lexislatura con só catro representantes xogando a ser oposición a Sánchez. Cales foron os logros emanados das famosas acampadas do 15M? Podemos naceu para capitalizar aquel movemento de “os indignados” pero doce anos despois retornaron as acampadas con similares reivindicacións. Entón serviron de “bobo útil” para que o PP de Rajoy chegase á Moncloa. Agora a situación, por fortuna sen un novo Podemos, parece distinta. Espero non equivocarme.

Na presente folla do meu caderno a demoscopía ao uso augúralle ao partido de Pablo Iglesias un ou dous parlamentarios, caso de presentarse unicamente baixo as súas siglas. Por tanto parecería lóxico que Irene Montero e Ione Belarra se unisen ao Fronte Amplo para conservar o posto de traballo. Pois non señor! Ese partido nado en 2014 para xuntar todas as sensibilidades máis aló da socialdemocracia rompeu a baralla antes de botar as cartas. Volveu a mentir e a traizoar á nova fronte mediante un pacto con ERC, coa incomprensible complicidade de Gabriel Rufián e un teatriño de sombras chinesas.

Anoto no meu caderno que o partido morado asinou en Cataluña a súa acta de defunción para despois do 29N e que pasará á pequena historia dos partidos experimentos como unha fraude monumental ás esperanzas de millóns de mozos que unha década atrás desde as aulas universitarias soñaban cunha España renovada, mellor, máis democrática e esperanzada. Como resultado de semellante andaina, agora o bipartidismo imperfecto segue malferido e o país enfróntase a un posible cambio estrutural realmente perigoso.

Contenido patrocinado

stats