Opinión

Os avances en materia de igualdade en España

Pasaron xa máis de 44 anos dende que a Constitución Española de 1978 deixou plasmado no seu artigo 14 que á igualdade e a non discriminación é un dos dereitos fundamentais. Nestas máis de catro décadas foron numerosos, aínda que non suficientes, os avances lexislativos acometidos para garantir a igualdade das persoas e dar cumprimento ao artigo 9.2 da Carta Magna, que establece que os poderes públicos deben “remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social”.
Ao longo deste tempo, impulsada polo traballo e a loita do movemento feminista, a política seguiu por fin a estela do traballo de tantas mulleres e, sempre no marco de maiorías parlamentarias progresistas, ten conseguido converternos nun país de referencia no mundo en canto á conquista da igualdade entre mulleres e homes e na posta en marcha de iniciativas lexislativas para loitar contra as violencias machistas. De feito, segundo a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, España é o país máis concienciado de Europa no ámbito da igualdade e loita contra a violencia de xénero. Somos un país pioneiro no vello continente pero tamén temos conseguido o recoñecemento, nesta materia, de entidades do conxunto do planeta como ONU Mujeres ou World Future Council.
O traballo foi copioso. Dende a Lei do divorcio de 1981, ata o do aborto de 1985, ás pioneiras Lei 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva entre Mulleres e Homes, a Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, o Real Decreto 902/2020 de igualdade retributiva entre mulleres e homes ou o 901/2020, polo que se regulan os plans de igualdade, a Lei de medidas urxentes en materia de protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero de 2021 ou as leis de igualdade de 2022. Pero tamén as reformas acometidas no marco do Salario Mínimo Interprofesional, o Real Decreto-Lei para a mellora das condicións de traballo e de Seguridade Social no servizo do fogar, na grande maioría mulleres e, neste mesmo 2023, a de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo ou a aprobación por fin este pasado martes, 7 de marzo, no Consello de Ministros, da lei para garantir a paridade na política pero tamén na empresa privada.
Leis, todas elas, que teñen posto de manifesto que todos os avances en materia de igualdade foron aprobadas por gobernos de progreso. Todos con rotundidade. E todos sempre co rexeitamento, vetos, abstención e recursos das forzas políticas da dereita que demostra, coa súa actitude, que non ten ningún interese no avance da igualdade efectiva entre mulleres e homes. E ás probas me remito…
En 1981 Alianza Popular, o xerme do PP, votou en contra da lei do divorcio. Catro anos despois, cando se despenalizou o aborto, o PP tamén votou en contra, ao igual que no 2010, cando se aprobou unha lei de prazos sen supostos para a interrupción voluntaria do embarazo, ou cando se levou a cabo a modificación do Código Penal para que o acoso ás mulleres que acoden a clínicas para abortar sexa un delito.
O PP, empregou, amais do voto negativo, o veto do goberno, antes da resolución do Tribunal Constitucional, para conxelar leis como a que incluía permisos de paternidade e maternidade iguais e intransferibles. Tamén se abstiveron, sendo o único grupo político en facelo, á hora de aprobar en 2007 a Lei de Igualdade. En definitiva, levaron todos os avances en materia de igualdade aos altos tribunais: a lei do aborto do 1985 ao Supremo, recurso ao Constitucional pola Lei de Igualdade do 2007, que, aínda que lles pese, foi avalada pola entidade. Fixérono novamente no 2010, coa lei de prazos sen supostos para a interrupción voluntaria do embarazo cuxa constitucionalidade vén de confirmar recentemente o Alto Tribunal.
As decisións políticas importan e a xusta loita das mulleres para lograr os seus dereitos ten que vir avalada pola política que debe ter como o seu maior obxectivo a mellora da vida das persoas. Es as mulleres somos a metade do mundo. Nestes anos impulsamos a maior transformación social e en materia de Igualdade da historia do Estado e iso hai que valoralo, aplaudilo e saúdalo. Pero temos que seguir estando vixiantes porque non imos permitir nin un paso cara atrás como algúns pretenden, a pesar de “venderse” agora como os adalides da defensa dos dereitos das mulleres. Ninguén pode crelos dada a súa traxectoria.
Seguiremos loitando con toda a nosa forza para que os preceptos constitucionais se cumpran e seguiremos esixindo que a axenda das mulleres volva a estar no centro da política de onde nunca debeu saír. É a única forma de lograr que máis pronto ca tarde a igualdade efectiva sexa unha realidade en España. 

(*) Presidenta da Deputación de Pontevedra

Te puede interesar