Opinión

8M: Mulleres e guerras

Este 8 de marzo non podo deixar de pensar en todas esas mulleres que sofren as consecuencias das guerras en calquera parte do mundo. 
As guerras, igual que sucede sempre, son escenarios onde o papel e o sufrimento das mulleres tamén é invisibilizado. O papel das mulleres nas guerras é maiormente un papel de poboación civil aínda que hai moitos conflitos armados onde teñen participado activamente na contenda bélica. 
Pero hoxe quero falar das terribles consecuencias que padecen as mulleres que non provocan as guerras, que non as deciden pero que as sofren nas súas carnes e nas carnes dos seus seres queridos ou achegados. 
Elas sofren os efectos directos e indirectos dos conflitos bélicos: soportan os bombardeos, a escaseza de alimentos ou materiais esenciais para a supervivencia, así como a inexistencia de servizos imprescindibles para o benestar social ou da saúde. Son as mulleres as que se encargan da atención das nenas e nenos, dos seus achegados anciáns ou dependentes, e incluso da comunidade da que forman parte. 
Moitas mulleres son as que quedan no propio lugar do conflito e son sometidas ás hostilidades propias dos conflitos bélicos, sufrindo os ataques indiscriminados debido á proximidade dos combates. Tamén poden verse obrigadas a albergar aos soldados, estando, desta forma, expostas a grandes riscos. Viven, por outra parte, nun entorno de restrición de movementos que limita moi gravemente o acceso a todo aquilo que é fundamental para o desenvolvemento humano. 
Especial gravidade teñen os abusos e violacións sexuais ás que se enfrontan e mesmo son usadas como método de guerra. Así, violencia sexual, prostitución, escravitude sexual, maltrato, tortura ou asasinatos son consecuencias bélicas que afectan directamente ás mulleres. 
Cando as mulleres deciden fuxir do espazo onde se desenvolve o conflito convértense en desprazadas forzadas. Hoxe, as mulleres e as nenas e nenos son a maioría das persoas refuxiadas desprazadas do mundo. 
Fuxir e malvivir como desprazadas conleva gravísimos problemas e enormes riscos. Foxen con moi poucos bens, separadas das súas familias e con menores, anciáns ou dependentes. Teñen que percorrer grandes distancias sen o máis básico para a subsistencia e padecer ataques de todo tipo. 
Non mellora a súa situación cando logran chegar aos campamentos de refuxiados, normalmente en situacións de amoreamento e en malas condicións de habitabilidade, hixiene, limpeza, intimidade. 
Por outra banda, non podemos deixar de nomear ás mulleres detidas, case sempre en moitas peores condicións ca os homes e con riscos maiores de violencia sexual. Aínda que nos últimos tempos poñemos máis o foco na afectación das guerras na vida das mulleres, non é menos certo que a guerra é outro dos escenarios nos que o papel das mulleres queda invisibilizado, como sinala Amnistía Internacional. 
Por iso, neste 8M do 2024 quero recordar a todas esas mulleres que están vivindo as guerras en primeira persoa. Mulleres de Ucraína, de Gaza, de Etiopía, Iemen, Afganistán, Siria, Somalia, Sudán, Nixeria, Myanmar, Burkina Faso, Mali e tantas outras en tantos lugares do mundo. 
Debemos alzar a nosa mirada para dar presenza aos múltiples padecementos de millóns de mulleres no mundo que son destruídas pola barbarie das guerras. 
Por elas, por todas.

(*)  Primeira tenente de alcalde de Vigo e concelleira da área de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística.

Te puede interesar