Así son os seis festivais musicais do Rías Baixas Fest
O circuíto comeza o 3 de xullo co PortAmérica, en Portas, e remata en novembro coa inclusión do vigués Underfest Xacobeo
A marca Rías Baixas Fest aglutina este ano aos seis festivais de música espallados por toda a provincia co obxectivo de promocionar cultura, gastronomía e natureza, baixo o patrocinio da Deputación.
Trátase dos festivais PortAmérica (Portas), SonRías Baixas (Bueu), SinSal (Redondela), Atlantic Fest (Vilagarcía) e Revenidas (Vilaxoán), aos que se suma por primeira vez o vigués Underfest Xacobeo.
O primeiro en comezar o verán musical será o PortAmérica, na Azucreira de Portas, os días 3, 4 e 5 xullo coas actuacións de Melendi, Love of Lesbian, Iván Ferreiro, Molotov ou Sidonie, entre outros. Seguiralle o Atlantic Fest a partir do 18 de xullo, con Lori Meyers, Los Planetas e Xoel López. Do 25 ao 27 de xullo celebrarase o SinSal, na Illa de San Simón, o Son Rías Baixas levará, entre outros artistas, a Nena Daconte e The Rapants ao Recinto das Lagoas de Bueu, e o Revenidas porá o foco en artistas galegos como Baiuca, Dakidarría, Heredeiros da Crus ou Sés, do 11 ao 14 de setembro.
O Underfest Xacobeo porá o peche á temporada musical os días 14 e 15 de novembro coa única actuación confirmada, polo momento, de The Psychedelic Furs. O seu promotor, Tibe, mostrouse moi satisfeito de formar parte do paraugas do Rías Baixas Fest, destacando “o granito de area que poñemos e o feito de que sexa en novembro tamén é un valor engadido”. A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, tamén sinalou a importancia de que “como viguesa este festival urbano pase a formar parte desta marca”.
O presidente provincial, Luis López, destacou que “os Rías Baixas Fest nos converten nun destino vinculado á cultura, natureza, gastronomía e territorio”, durante un acto no que estiveron os promotores dos festivais e a deputada de Turismo, Nava Castro.
Un impacto económico estimado de 25 millóns de euros no verán
Os cinco eventos musicais do Rías Baixas Fest, ata a data, tiveron un impacto económico o pasado ano de 25 millóns de euros. Polo tanto, malia que hai que esperar a que rematen as edicións deste ano, é moi probable que se repita a mesma estimación e mesmo se supere se temos en conta a inclusión do Underfest Xacobeo.
O máis numeroso en canto á asistencia foi o PortAmérica, que logrou reunir no 2024 a 45.000 persoas durante os tres días de concertos, segundo cifras dos promotores, seguido do Revenidas (28.000) e o SonRías Baixas (20.000).
Luis López destacou de todos eles que son “a banda sonora do verán” na provincia e recordou o incremento do patrocinio por parte do ente provincial de 50.000 euros ata os 340.000. Pola súa banda, Nava Castro destacou o valor destas propostas sinalando que “o turismo de festivais medrou na península Ibérica un 500% na última década” e os datos de facturación converteron a España no primeiro destino do turismo de festivais de todo o mundo, con preto de 600 millóns de euros.
O presidente provincial concluíu que “convidamos a todo o mundo a que nos visiten este verán e tamén fóra da época estival, porque xa sabemos o que acontece: quen vén a esta provincia, repite”.
A pesar de que ainda quedan algunhas actuacións por confirmar en varios festivais, pódese consultar toda a programación actualizada e a dispoñibilidade de entradas na páxina web www.turismoriasbaixas.com.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último