O Salnés derivará as vítimas de violencia de xénero a aloxamentos locais
O CIM da Mancomunidade asinou un convenio de colaboración cos taxis e establecementos para situacións excepcionais nas que se precise unha vivenda en 24 horas con seguridade
A Mancomunidade do Salnés asinou un convenio de colaboración coa rede de taxis e aloxamentos da comarca para establecer un procedemento coordinado e eficaz para a derivación inmediata de mulleres en situación de violencia de xénero.
O obxectivo da entidade é que as vítimas e, de ser o caso, das súas fillas e fillos, que estén nun proceso no que perigue a súa seguridade, poidan dispoñer dun aloxamento o con todas as garantías para o seu benestar.
O protocolo foi asinado polos cinco concellos que atende o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade, Cambados, Meis, Ribadumia, Meaño e Vilanova de Arousa, e conta co apoio da xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, María José Rodríguez Pérez, así coma dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, entre os que están o capitán xefe da Garda Civil de Cambados e un membro da unidade de Vioxén.
O plan asinado inclúe a activación inmediata en menos de 24 horas, por parte do CIM e da Garda Civil, do traslado urxente en taxi e vivenda temporal segura en calquera tipo de establecemento da comarca. Ademais, a entidade inclúe canles de comunicación e pasos claros para reducir tempos de resposta e evitar a revitimización asegurando que “priorízase a seguridade, privacidade e dignidade das mulleres en todo o proceso”.
O presidente da Mancomunidade, David Castro, salientou que “este acordo reforza a capacidade de resposta con medidas prácticas e inmediatas, sumando esforzos co tecido empresarial local e coas forzas de seguridade para protexer a vida das mulleres”.
Este convenio empezará a aplicarse de maneira inmediata e o sector dos taxis mostra a súa colaboración plena e total confidencialidade.
O CIM da Mancomunidade do Salnés atende actualmente a unhas 400 mulleres das cinco localidades. Malia que non todas as consultas están relacionadas coa violencia de xénero, a dirección asegura que houbo un incremento notable delas nos últimos años, e superan xa o 60% das atencións totais que se fan no centro. A maioría das mulleres atendidas teñen entre 25 e 54 anos e solicitan axuda xurídica e psicolóxica.
As instalacións do CIM reabriron recentemente tras unha mellora con máis salas e insonorización para maior privacidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar