Nosa Señora da Lanzada desafía á chuvia e axuda ás mulleres
A lexendaria romería comezou cos actos litúrxicos e nesta noite repetirase o rito das 9 ondas na praia para lograr a fertilidade
“A Nosa Señora da Lanzada fará que te quedes embarazada”. Iso é o que asegura a lenda e o que fará que algunhas mulleres fagan o ritual ancestral das 9 ondas.
A virxe, que se venera na ermita de principios do século XIII, celebra esta fin de semana a súa romería que, malia a ameaza de chuvia e vento, volveu a reunir a centos de persoas na misa no atrio e xunto ao mirador cara o mar e dous areais (A Lanzada e Nosa Señora). Tras a liturxia, saiu a procesión coa imaxe portada a ombros das mulleres da Comisión de Festas e rematou coa Danza de Arcos de Cobas, enteiramente masculina. Sen embargo, elas son as protagonistas dunha celebración ligada á fertilidade.
O ritual da Lanzada recolle que as mulleres que desexen quedarse embarazadas deben de bañarse na praia da Nosa Señora a noite do último domingo de agosto e recibir as 9 ondas sobre o vientre. Despois deben recostarse ou sentarse sobre o cantil que se atopa debaixo da capela, denominado Cama da Virxe ou Cuna da Santa, e pronunciar o seu desexo de ser nai.
Esta tradición, lonxe de desaparecer, está máis viva ca nunca e o ano pasado 50 parellas saltaron ás ondas. Para garantir a súa privacidade, a Comisión de Festas da Lanzada colocou un sistema de luces deslumbrantes para disuadir aos miróns.
Valentes, devotos ou mulleres con problemas de fertilidade, ou non, fixeron colas durante a mañá para pasar debaixo do altar da santa. “A Virxe axúdache sempre”, explica Marisa, unha veciña de Noalla quen asegura que fixo o ritual “de día”, pero deulle catro fillos. Outros dan grazas e algúns turistas, que descoñecen a historia, sorpréndense da beleza das vistas coas Illas Ons enfrente e da boa conservación do templo.
A festa continuará hoxe cunha misa solemne no templo, procesión ao redor e a subasta dos obxectos e animais que os devotos donan á virxe. “A xente trae galiñas dende fai moito tempo e seguímolo facendo”, explican desde a comisión de festas. Onte pola mañá xa había decenas de plantas, flores, xoias e obxectos persoais, algúns feitos de maneira artesanal.
E coma en toda romería que se precie, hai a posiblidade de ofrecer unha vela por 1,50 euros no baixo da fortaleza (non se pode na igrexa) ou mercar unha medalla coa imaxe da virxe por 35 euros. Para algúns, será un recordo, para outros, unha cuestión de fe que perdura dende hai máis de 800 anos ao carón do Atlántico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último