A Mostra da Camelia volverá a Cambados con 500 variedades
O Salón de Congresos e Exposicións José Peña acollerá os días 7 e 8 de marzo a mostra internacional con 30 cultivadores
Cambados celebrará a IX Mostra Internacional da Camelia os vindeiros 7 e 8 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións José Peña, con entrada gratuíta. A mostra, organizada polo Concello, a Asociación Zona Centro de Cambados e a Asociación Ibérica da Camelia, prevé reunir a unhas 500 variedades da flor das Rías Baixas procedentes dunha trintena de cultivadores de Galicia, outras partes de España e Portugal.
O espazo abrirá as portas ás 9.00 horas e ese mesmo día antes do peche, os organizadores farán entrega do premio ‘Camelia Cidade de Cambados’ ao gañador da edición e mais aos outros das diferentes categorías.
O domingo voltará a abrir ao público desde as 10.30 ata as 19.00 horas e dentro da exposición floral, haberá tamén mostras dos produtos cosméticos, que se elaboran a base de camelia coma os xabóns, e o té, e incluso haberá unhas variedades da flor regadas con Albariño.
Segundo explicou o rexedor cambadés, Samuel Lago, a mostra vai logrando cada vez un maior interese por parte de cultivadores de fóra de Galicia, especialmente de Asturias, onde xa está confirmada a presenza de varios deles en Cambados. A localidade mantén, ademais, un irmanamento con Celorico de Basto, en Portugal, que volverá a estar presente este ano e está pendente de confirmación unha delegación doutro país europeo.
A vila do Salnés continúa, desta forma, a ruta expositiva da camelia, tras Vilanova de Arousa, onde se celebrou o pasado febreiro outra mostra con 80 cultivadores e profesionais do sector.
Samuel Lago convida a todas as persoas amantes da camelia que se acheguen ata Cambados “para contemplar este espectáculo de cores e formas destas delicadas variedades”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar