Máis de 25 millóns de euros para sanear a Ría de Arousa

Entre os proxectos incluidos nos orzamentos figura a construción da nova depuradora de Vilagarcía

A titular de Medio Ambiente na Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
A titular de Medio Ambiente na Autoridade Portuaria de Vilagarcía. | D.P.

A Xunta destinará o vindeiro ano un total de 25,4 millóns de euros a continuar ou impulsar un conxunto de actuacións hidráulicas que contribuirán a mellorar a calidade das augas na ría de Arousa, segundo anunciou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no Porto de Vilagarcia. Ese, foi o lugar elixido onde presentou os principais proxectos e investimentos de Augas de Galicia nas comarcas do Salnés e Barbanza incluídos nas contas do seu departamento para 2026.

A responsable autonómica puxo en valor o esforzo investidor en materia hidráulica que se fará nesta comarca xa que, de feito, concentra 1 de cada 6 euros do orzamento total asignado á administración do saneamento para o ano que vén. Así mesmo, Ángeles Vázquez salientou que as contas de Augas de Galicia suman 151,7 millóns de euros e soben case un 5,5% respecto ás deste ano.

No caso do Salnés, entre os proxectos previstos destacan a mellora do saneamento de Vilanova-Cambados, que contará con 2 millóns consignados; e as dúas obras destinadas a optimizar o funcionamento do servizo de depuración de Vilagarcía, que suman 1,1 millóns de euros, dirixidos á mellora e optimización dos sistemas de colectores municipais e á redacción do proxecto e construción da nova estación depuradora, infraestrutura cun orzamento de máis de 31 millóns de euros. Neste caso, a titular de Medio Ambiente e o rexedor de Vilagarcía, o socialista Alberto Varela, xa asinaron o acordo este verán.

A ETAP

A Xunta tamén destinará investimentos para mellorar o abastecemento de gran parte da poboación da comarca, tanto na marxe dereita da ría, coa finalización en 2026 da ampliación da estación potabilizadora de Padrón, como na esquerda, coa licitación da ETAP do Salnés, por 200.000 euros.

A Consellería de Medio Ambiente explica que desde o ano 2009 se mobilizaron 150 millóns de euros en Arousa, dos cales 140 foron achegados polo goberno autonómico, o que permitiu poñer en marcha as depuradoras do Grove, a Cambados e a de Ribadumia. Neste sentido, Vázquez asegurou “o firme compromiso de continuar nesta década cos investimentos para garantir a calidade das augas de Arousa” engadindo que “as rías galegas son un elemento básico para o desenvolvemento socioeconómico e ambiental de Galicia”.

Contenido patrocinado

stats