O Hospital do Salnés, 25 anos como referente de calidade e innovación

O centro arousán consolídase coma un piar fundamental da Sanidade Pública na bisbarra

Vista da fachada principal do Hospital do Salnés, onde se atenden unhas 50.000 urxencias anuais.
Vista da fachada principal do Hospital do Salnés, onde se atenden unhas 50.000 urxencias anuais. | Atlántico

A Xunta conmemora o 25º aniversario do Hospital do Salnés, unha efeméride que pon en valor a evolución dun centro que, desde a súa posta en funcionamento hai dúas décadas e media, consolidouse coma un referente asistencial na comarca arousá, destacando pola proximidade, a calidade da atención e a súa capacidade de adaptación ás necesidades da poboación das súas localidades de referencia.

Situado en Ande-Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, este hospital naceu co obxectivo de prestar asistencia sanitaria pública integral e de calidade a unha poboación de arredor dos 75.000 habitantes pertencentes aos concellos de Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Actividade

Cómpre lembrar que o Hospital do Salnés iniciou a súa actividade asistencial a finais do ano 2000 coa apertura das consultas externas e do bloque cirúrxico, continuando coa hospitalización en agosto de 2001 e culminando en setembro dese mesmo ano coa posta en marcha do servizo de Urxencias e da hospitalización de adultos.

Desde os seus inicios, este centro contou cunha infraestrutura moderna e funcional, cunha superficie construída superior aos 12.000 metros cadrados. Dispoñía de dúas plantas de hospitalización con 84 camas –catro delas destinadas a neonatos–, tres quirófanos, unha área de urxencias con dez boxes asistenciais, unidade de observación e sala de xesos.

O bloque obstétrico incorporaba sala de partos e salas de dilatación, mentres que a área diagnóstica incluía radioloxía, telemando dixital, TAC, ecografía e mamografía. Ademais, o hospital contaba con servizos de endoscopia, laboratorio operativo as 24 horas, farmacia hospitalaria, rehabilitación e unha área de consultas externas con 15 salas.

No momento da súa apertura, o hospital estaba dotado cun cadro de persoal de 187 profesionais, entre persoal médico, de enfermaría, técnicos e persoal de servizos, que constituíron a base do desenvolvemento asistencial posterior. Na actualidade, o Hospital do Salnés conta con 496 efectivos98 facultativos, 309 profesionais sanitarios non facultativos e 89 traballadores de xestión e servizos–.

Ampliación e modernización

Co paso dos anos, o Hospital do Salnés experimentou unha evolución constante marcada pola ampliación das súas infraestruturas e a mellora dos seus recursos asistenciais. Así, en 2011 a Xunta impulsou un proxecto estratéxico de ampliación que permitiu incrementar a súa capacidade cirúrxica e adaptar os espazos ás novas demandas asistenciais. Esta actuación incluíu a construción de novas superficies, a remodelación de áreas existentes e a reorganización funcional do hospital de Ande.

Tras esa ampliación, o centro arousán pasou a dispoñer de 130 camas, 6 quirófanos, 9 postos de recuperación postanestésica, 57 locais de consulta, 2 paritorios, 2 salas de dilatación e 7 postos de Hospital de Día cirúrxico, o que permitiu aumentar tanto o volume coma a complexidade das asistencias realizadas.

A ampliación tamén supuxo unha profunda transformación da súa área de Urxencias, que incorporou novos espazos diferenciados para a atención de adultos, pediatría e obstetricia, así coma áreas específicas de triaxe, observación e seguimento.

En 2017, completando este proceso de modernización, activáronse as unidades de Coidados Postcirúrxicos e de Cirurxía Maior Ambulatoria, dotadas con postos de espertar, sillóns de reintegración ao medio e boxes específicos para coidados postanestésicos.

En agosto de 2023 activouse a nova área de Esterilización do Hospital do Salnés, infraestrutura que duplicou a superficie anterior e renovou completamente o equipamento do servizo.

Así mesmo, o Hospital do Salnés renovou recentemente as dependencias da súa base medicalizada do 061, onde os profesionais dispoñen dunha moderna área específica con sala de traballo, vestiarios, dormitorios e almacén.

Contenido patrocinado

stats