O Grove apoia que o conxunto da Toxa sexa declarado un BIC

O último pleno municipal aprobou por maioría unirse á iniciativa que solicita que o entorno do Gran Hotel sexa Ben de Interese Cultural

A fachada marítima do Gran Hotel da Toxa.
A fachada marítima do Gran Hotel da Toxa. | TURISMO DE GALICIA

O pleno municipal do Grove aprobou por maioría a iniciativa presentada polo BNG na que solicitaba a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto histórico da Toxa.

A moción saliu adiante cos votos favorables dos nacionalistas e de Esquerda Unida (un total de 4) e as abstencións de PSOE e PP. Malia que o rexedor socialista do Grove, José Antonio Cacabelos, manifestou en máis dunha ocasión as dubidas sobre si o entorno do Gran Hotel e o propio establecemento, son merecedores desta categoría, non se opuxo á moción.

A iniciativa partiu hai preto dun ano por parte do Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías, entidade que presentou ante a dirección xeral de Patrimonio a petición de BIC para a área formada polo Gran Hotel Balneario, a Capela das Cunchas, o balneario de 1928, os chalés rexionalistas, o xardín e os restos da antiga fábrica de xabóns.

A entidade afirma que o Gran Hotel da Toxa “mantén intactas as estruturas orixinais no seu interior con máis de 117 anos, como as bóvedas do palacio de habitacións ou a súa impoñente escaleira”. Ademais, a Capela de San Caralampio, máis coñecida como a Capela das Cunchas, foi construída por Daniel Vázquez Gulías en 1909. Trátase dunha igrexa de cruz latina e cunha nave única, cuxa cuberta está chea de cunchas de vieira, o que a converte en “única no mundo”, segundo o Concello do Grove.

Tanto a entidade cultural como o goberno local do municipio do Salnés defenden que o conxunto ten valor histórico e arquitectónico suficiente para ser un BIC e gozar dunha maior protección.

A corporación municipal da, así, un paso adiante á hora de tentar que Patrimonio valore e estude dita petición, xa que, polo de agora, o ente autonómico garda silencio ao respecto.

Contenido patrocinado

stats