A Festa do Marisco logra un impacto de 5,6 millóns de euros
O Concello valora unha edición “de récord” con 177.000 vales vendidos e cunha recadación de 1,1 millóns de euros no recinto, ao que se lle suma a repercusión na hostalería e aloxamentos
A 62 Festa do Marisco do Grove pechou esta fin de semana os 10 días de celebración gastronómica, rachando todas as previsións. Segundo o Concello, vendéronse un total de 177.000 vales, o que supón 1.136.300 euros de recadación nos postos de marisco fresco.
Para o rexedor, José Antonio Cacabelos, trátase da maior cuantía económica da historia e fai un balance moi positivo “con máis de 100.000 visitantes nunha vila na que hai censadas 10.800 persoas”.
Cacabelos estima que, se a esta cifra da venda nos postos da festa se lles suman as reservas nos locais de hostalería e na ocupación nos aloxamentos, o impacto económico da Festa do Marisco situáse nos 5,6 millóns de euros. “Para nós é o noso evento por excelencia. O Grove xa ten as súas propias luces de Nadal dende fai 62 anos”, asegura o rexedor meco. A maiores, notouse un maior incremento de asistentes nos Concertos do Marisco, para os que o recinto da Praza do Corgo quedouse pequeno.
No que respecta á procedencia dos visitantes, a maioría dos turistas que chegan ao Grove veñen “de todas as provincias de España e tamén de Galicia, pero cada ano aumenta máis a presenza de persoas de Italia, Alemania e Francia”.
Con todo, José Cacabelos é consciente da necesidade dalgunhas melloras para os vindeiros anos, como é unha maior dotación de aparcamentos disuasorios. “No Grove fáltanos bolsas de chan, o que causou problemas o pasado sábado cando nos vimos desbordados e superáronse todas as expectativas”.
Polo tanto, o Concello espera ampliar as prazas de estacionamento para a vindeira edición 2026, na que “xa estamos traballando”, segundo o rexedor José Cacabelos, e mesmo aumentar a dotación da Policía Local, tal e como demandan algunhas das asociacións veciñais.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último