A Festa do Marisco do Grove garante o posto do polbo

A cita gastronómica ofrecerá todos os produtos do mar logo de solventar a adxudicación do stand do cefalópodo

O polbo foi un dos produtos máis demandados na pasada edición da festa.
O polbo foi un dos produtos máis demandados na pasada edición da festa. | Concello do Grove

O Grove prepara a Festa do Marisco, que terá lugar do 2 ao 12 de outubro na vila do Salnés, coa garantía de contar con todos os postos de produtos do mar. Así o asegura o goberno local, quen buscará unha alternativa para o stand do polbo tras quedar deserta a adxudicación do mesmo facéndose cargo dunha parte da financiación.

Desta forma, a maior cita gastronómica do Salnés ofrecerá as súas racións tradicionais de arroz de marisco, ameixas, fideos, mexillóns, fideos mariñeiros, navallas, nécoras, ostras, empanadas mariñeiras, vieiras, zamburiñas, volandeiras, berberechos e camaróns, con prezos que oscilarán entre os 4,50 euros da empanada de atún ata os 18 euros da ración prevista do polbo á feira.

Á oferta gastronómica sumarase á musical, que incluirá as actuacións gratuítas de, entre outros, León Benavente e Alberto García, o sábado 4 de outubro como parte dos Concertos do Xacobeo, De Ninghures o día 5, Siloé o venres 10 de outubro, e La La Love You o sábado 11 compartindo cartel con Leria. Todos eles actuarán xunto a bandas locais do Grove.

A festa, de Interese Turístico Nacional, está en trámites para ser declarada de Interese Internacional e a súa orixe se remonta a 1963, cando un grupo de veciños da localidade decidiu dar a coñecer os seus produtos do mar. O que comezou co reparto en bolsas de marisco á entrada da península do Grove convertiuse no polo de atracción de milleiros de turistas ata o Salnés.

Coma todo gran evento non está exento de críticas veciñais, que se centran no ruido que o ano pasado xeraron os concertos ata altas horas da madrugada e a concesión dos postos. A este respecto o PP critica a falta de planificación e de transparencia do Concello na organización da Festa do Marisco deste ano. Segundo aseguran os populares, o stand de polbo quedou deserto na poxa inicial e a resposta do goberno local foi crear condicións á medida para cubrir a vacante, mentres o resto de adxudicatarios tiveron que asumir obrigas e pagamentos aplicados de maneira desigual e culpan directamente ao rexedor, José Cacabelos.

Contenido patrocinado

stats